Cerdedo-Cotobade adxudica a limpeza e acondicionamento dos petróglifos de Fentáns

Cerdedo-Cotobade
22 de xullo 2021

Esta actuación realizarase nos petróglifos de Fentáns, situados en San Xurxo e Santa María de Sacos, despois de que o alcalde, Jorge Cubela, lograse unha cesión das comunidades de montes respectivas por espazo de 50 anos

Petróglifos de Fentáns, situados en San Xurxo e Santa María de Sacos (Cerdedo-Cotobade)
Petróglifos de Fentáns, situados en San Xurxo e Santa María de Sacos (Cerdedo-Cotobade)

A mesa de contratación do Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de adxudicar a limpeza e acondicionamento da contorna dos petróglifos de Fentáns por un importe de 24.285,18 euros.

A empresa escollida para realizar estas tarefas é Emdesfor 2002, ao resultar a oferta máis vantaxosa e non incursa en presunción de temeridade das 5 firmas que optaban a estes traballos.

Esta actuación realizarase nos petróglifos de Fentáns, situados en San Xurxo e Santa María de Sacos, despois de que o alcalde, Jorge Cubela, lograse unha cesión das comunidades de montes respectivas por espazo de 50 anos, o que posibilitou que se poida levar a cabo esta intervención de conservación e acondicionamento.

Segundo o alcalde, Jorge Cubela, "o obxectivo desta actuación de limpeza e acondicionamento é mellorar o seu acceso, condicións de visita e posta en valor, así como previr, coa retirada da biomasa que os rodea, os efectos perxudiciais que os incendios forestais e outras agresións e actuacións incontroladas poidan ter sobre motivos e soportes".

Actualmente a contorna inmediata destes gravados rupestres atópase cuberta dunha mesta capa vexetal de monte baixo que deteriora os petróglifos.

Para efectuar estes traballos, os técnicos recomendaron a contratación dunha empresa especialista en arqueoloxía. A adxudicataria estará obrigada a depositar unha fianza de 1.003,52 euros e a contratar a dous arqueólogos durante 15 días e a tres auxiliares de arqueoloxía durante un período similar para poder executar e supervisar estes traballos de conservación.

Jorge Cubela manifestou que "actuacións destas características non so van servir para protexer estes elementos rupestres senón que tamén valerán para potenciar o noso potencial turístico como polo de atracción e dinamización económica dos nosos pobos".

Arquivado en