O Concello de Cerdedo-Cotobade activou o primeiro plan de mellora viaria do presente ano, cunhas actuacións que chegarán ata catro parroquias do territoio de Cerdedo.
En total o goberno local ten previsto investir 120.000 euros nos traballos, que se contratarán en próximas datas para o seu inicio cando chegue o bo tempo.
Serán sete pistas as que verán melloradas as súas condicións nos lugares de Esbarrela (Folgoso), Vilar (Figueroa), Vilarchán ( Quireza), Viduído e a contorna do río Cervas e San Antón (Cerdedo).
A actuación de maior calado será a renovación integral da capa de rodaxe, previa reparación de fochancas e limpeza completa das gabias, no acceso a Esbarrela, actuando en tres treitos que superan conxuntamente os 450 metros. Estes mesmos traballos desenvolveranse no acceso a Vilar e nos seus camiños interiores nun total de 15 pequenos treitos cuxo firme está deteriorado e no acceso sur á aldea de Vilarchán, que verá renovados os seus 250 metros de lonxitude.
Así mesmo, este plan de vías tamén recolle un completo formigonado de cunetas no viario San Antón-Cervas, no que se procederá ao revestimento de 800 metros de gabias e a construción de sete pozos de rexistro orientados a exercer de sumidoiros para as augas pluviais.
Finalmente, a última obra deste lote será a mellora do acceso á praza e á contorna do local social de Viduído, onde, nunha dobre actuación, procederase ao seu afirmado, nivelación e compactación e, posteriormente, á súa pavimentación en formigón con 12 centímetros de groso.
Trátase, asegura o presidente municipal Jorge Cubela, dunha intervención "ambiciosa" deseñada "para darlle continuidade ás actuacións realizadas a finais de ano en puntos como Limeres, Os Castros, A Cavadosa, Barro ou Tomonde.