Os usuarios e a plantilla de profesionais que se encargan do seu funcionamento foron os protagonistas da celebración do segundo aniversario da apertura da residencia da terceira idade de Cerdedo.
Despois dunha actuación musical a cargo do grupo de gaitas Os Xeitosos da Insua, o alcalde, Jorge Cubela, compartiu cos presentes o "orgullo e a satisfacción" de que este centro sociosanitario leve xa dous anos de funcionamento atendendo as necesidades dos seus usuarios.
Ademais, tamén se referiu á importancia que este centro ten como elemento xerador de emprego no municipio e salientou o feito de que gran parte do persoal que traballa nel teña a súa procedencia neste municipio.
O alcalde recordou a importancia que este tipo de servizo de atención sociosanitaria ten para as persoas maiores e sinalou que un dos obxectivos do seu grupo de goberno é contar cunha terceira instalación sociosanitaria no municipio, que estará ubicada en Carballedo.
O seu proceso de construción está avanzando e vai "a moi bo ritmo", asegurou.
"Con esta nova infraestrutura penso que quedamos moi ben cubertos no noso concello nesta materia tan importante e estratéxica desde un punto de vista social e da mellora da calidade de vida dos nosos maiores", sentenciou o alcalde.