Ceos pouco nubradros e baixada progresiva de temperaturas no inicio da semana

Pontevedra
11 de novembro 2024
Actualizado: 11:05

Agárdase unha baixada de temperaturas, principalmente nas altas, pasando dos 22 graos deste luns nas Rías Baixas a máximas de só 16 graos previstas para o mércores. A partir do xoves aumentarán as probabilidades de chuvias

Ceo despexado en Pontevedra
Ceo despexado en Pontevedra

As Rías Baixas inician a semana baixo o dominio das altas presións, con sede en Irlanda, o que deixará ceos alternando nubes e claros e unha tendencia a xornadas de estabilidade ata o xoves.

A previsión do servizo de Meteogalicia anticipa unha lixeira variabilidade en temperaturas e posibles chuvias cara a finais de semana.

Este luns 11 de novembro espéranse ceos parcialmente cubertos pola mañá, con posibilidade de chuvascos illados no norte de Galicia, mentres que permanecerán despexados en toda a área de Pontevedra e as Rías Baixas cara á tarde.

As néboas matinais aparecerán en zonas de interior e as temperaturas amosarán un comportamento variado: lixeiro descenso nas mínimas e leve ascenso nas máximas, movéndose entre os 12 e 22 graos nas Rías Baixas. Os ventos soprarán do nordés con intensidade moderada.

O martes 12, o anticiclón manterase sobre a provincia de Pontevedra, asegurando ceos pouco nubrados ou despexados nas Rías Baixas.

O descenso de temperaturas será lixeiro, oscilando entre os 9 e 20 graos. A intensidade do vento do nordés aumentará ao longo da tarde.

Mapa meteorolóxico este luns 11 de novembro
Mapa meteorolóxico este luns 11 de novembroMeteogalicia

Para o mércores 13, prevese que o tempo comece a dar sinais de cambio, coa chegada de aire frío desde o norte e unha baixa presión relativa cara ao norte de África.

O tempo continuará seco na maior parte de Galicia, agás no extremo norte, onde podería haber chuvascos.

As temperaturas baixarán de forma moderada, especialmente nas máximas, que nas Rías Baixas non superarán os 16 graos, con mínimas de ata 8. Os ventos de nordés gañarán forza en toda a xornada.

A partir do xoves, a entrada de aire frío en altura traerá consigo un aumento da inestabilidade atmosférica.

Este cambio tradúcese nunha maior probabilidade de chuvias no sur de Galicia e un descenso progresivo das temperaturas, augurando un final de semana máis húmido e fresco para a área de Pontevedra e as Rías Baixas.