O futuro centro de recepción para turistas náuticos en Vilagarcía, unha "oportunidade" para atraer visitantes todo o ano

O Salnés
01 de febreiro 2025

O obxectivo desta actuación, que se presentou este sábado no peirao arousán, será promover as actividades lúdicas e deportivas vencelladas ao mar, segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda

Futuro centro de recepción para turistas náuticos en Vilagarcía
Futuro centro de recepción para turistas náuticos en Vilagarcía / Xunta de Galicia

Algo máis de 790.000 euros destinará a Xunta de Galicia ao proxecto para trasformar a estación marítima do peirao de pasaxeiros de Vilagarcía nun centro de recepción para turistas náuticos.

O obxectivo desta actuación, que se presentou este sábado no peirao arousán, será promover as actividades lúdicas e deportivas vencelladas ao mar, segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, un turismo náutico ao que o goberno galego lle ve "moito potencial".

"É unha oportunidade para consolidarnos como un destino atractivo ao longo de todo o ano", subliñou Rueda, que entre outras autoridades estivo acompañado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e polo alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela.

O proxecto suporá a demolición de dúas edificacións nas que agora mesmo non se realiza ningunha actividade pero que estaban destinadas a escola de piragüismo e locais de oficina, respectivamente.

Tamén comprende a rehabilitación integral da estación marítima do peirao de pasaxeiros do porto de Vilagarcía de Arousa, incluíndo unha planta baixa con espazo para tenda, tres aseos, salón de usos múltiples, almacén, oficinas ou sala de caldeiras, entre outras.

Presentación do futuro centro de recepción de turistas náuticos en Vilagarcía
Presentación do futuro centro de recepción de turistas náuticos en VilagarcíaXunta de Galicia

A actuación, que estará financiada con fondos europeos Next Generation, tamén inclúe a urbanización das zonas onde actualmente se sitúan as edificacións a demoler e unha zona aberta lindeira á estación marítima.

Haberá dúas zonas verdes e habilitarase un solado a base de lousas de formigón, intercalándoas con áreas axardinadas. No centro dunha destas zonas verdes instalarase a escultura "Tierra Aire", de Manolo Paz.

O presidente da Xunta de Galicia destacou ademais que este futuro centro de recepción de visitantes náuticos suporá un impulso para a Ruta Traslatio, a única do Camiño de Santiago que permite peregrinar por mar, augas fluviais e por terra.

"Aquí non nos sobra ninguén. Queremos desestacionalizar o turismo e ofrecer alternativas ao que xa coñecen. E o turismo náutico é bo exemplo", sentenciou o titular do goberno galego.