O centro público de educación e promoción de adultos Nelson Mandela do centro penitenciario da Lama acaba de ser recoñecido co Premio Boas prácticas de educación inclusiva 2024.
Con este galardón, a Xunta de Galicia recoñece o traballo de oito centros educativos galegos e este da Lama levou o primeiro premio na categoría B, destinada a educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional, formación de persoas adultas e ensinanzas de réxime especial.
Logrou o primeiro premio polo seu traballo 'A inclusión comeza só cando os demais están preparados para aceptarnos, axudémolos a dar o paso!'.
Este proxecto ten como fío condutor o traballo das emocións, a superación de estereotipos e o incremento da igualdade para confrontar a discriminación en xeral e, en situacións de privación de liberdade, en particular.
Partindo de diferentes realidades sociais e culturais, as actividades desenvolvidas a través da oralidade, a lectura e a dramatización teñen como eixo común a empatía para promover a reflexión e a aceptación da diversidade.
A Xunta busca impulsar a atención á diversidade e o bo clima nas aulas e poñer en valor o labor que se está a desenvolver nos centros de ensino.
Promóvese, así, unha escola que garanta o estímulo das capacidades de todo o alumnado e contribúa á creación de contornas e culturas inclusivas.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP outorga un premio de 5.000 euros aos centros galardoados co primeiro premio.