Centos de persoas demandan a destitución da xerencia dos hospitais de Pontevedra se non abre vías de diálogo

Pontevedra
26 de xuño 2020

Tratábase da segunda manifestación convocada polos sindicatos sanitarios Prosagap, Co.bas e CESM-Galicia. A protesta partía ás 20.00 horas do Hospital Provincial e remataba na Praza de España reclamando negociación por parte da xerencia cos representantes do persoal dos centros hospitalarios

Manifestación para reclamar diálogo por parte da xerencia do Complexo Hospitalario de Pontevedra / Mónica Patxot

Por segunda vez, os sindicatos CESM Galicia, Co.Bas e Prosagap saían á rúa nas últimas semanas, nesta ocasión co apoio da Comisión de Centro de Atención Hospitalaria da área Sanitaria de Pontevedra e a CGT, para demandar que se abra unha mesa de negociación entre a Xerencia dos centros hospitalarios de Pontevedra e os representantes do persoal.

Sinalan que as demandas por parte dos profesionais repítense desde hai anos ante a precariedade laboral e a política de privatizacións que se está levando a cabo desde a Xunta de Galicia. Reclaman que se dignifique o traballo do persoal sanitario.

Os convocantes realizaban o percorrido con máscaras protectoras e entoando proclamas como "Feijóo escoita, a sanidade está en loita", "máis propietarios e menos precarios" ou ""cabreados, el SERGAS nos tiene muy cabreaditos" a ritmo do 'Despacito', de Luís Fonsi.

Piden ao conselleiro de Sanidade #Jesús Vázquez Almuíña que, se continúa sen haber negociacións, destitúa ao actual equipo directivo por un grupo profesional competente que manteña empatía cos traballadores. Afirman que a xerencia que lidera José Ramón Gómez menospreza aos empregados dos centros hospitalarios.

E acusan ademais a Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, de danar tanto a Atención Primaria como ao conxunto do sistema público de saúde a través da  externalización de servizos, que pasan a mans privadas. E afirman que, desde o goberno autonómico, se desviou diñeiro público directamente aos centros hospitalarios concertados.

Alertan sobre a próxima privatización do servizo de Mantemento na primeira fase do concurso do Gran Montecelo e temen que tamén suceda o mesmo con lavandería, subministracións ou cociña.