A vella normalidade previa á pandemia da covid-19 regresou a Pontevedra e ás súas festas de verán e este sábado puido comprobarse no centro histórico. Unha das citas tradicionais non oficiais de cada verán na cidade son os grupos de mozos que se xuntan nas rúas e prazas para compartir tempo de lecer e beber, as coñecidas como 'peñas'. E este agosto regresaron.
Aínda que nas súas orixes esta celebración estaba vinculada coa feira taurina da Peregrina, desde hai anos xa non se celebra necesariamente os días de touros, senón que xa nos últimos veráns pre pandemia os mozos acudiron de forma espontánea á súa cita con estas 'peñas' na fin de semana previa ás festas e á actividade na praza de touros.
O mesmo ocorreu este agosto. As festas de Pontevedra comezan oficialmente o vindeiro sábado 13 de agosto, pero este sábado deuse xa esta cita de lecer xuvenil e, ademais, resultou masiva, deixando imaxes similares ás de fai tres anos.
Centos de mozos encheron puntos como a praza do Teucro ou a avenida de Santa María, moitos deles equipados con camisetas iguais para todo o grupo, simulando esas 'penas' que agora, para a maioría dos asistentes, quedan xa só no recordo.
Animados polo bo tempo, a partir de media tarde empezaron a encher ambas as zonas e outros puntos da zona monumental. Moitos dos presentes facían botellón bebendo na rúa alcol, pero outros optaron por non beber.