A 'centola' que non falla: un terceiro premio e dous cuartos premios da Lotaría de Nadal deixan 720.000 euros no Grove

O Salnés
22 de decembro 2024

Do 11840 venderon unha serie íntegra. Foi entre finais de novembro e decembro. Belén e Mari compraron un dos boletos. Ambas, xunto con outras dez amigas, repartiron 50.000 euros

Celebración no Grove co terceiro premio da Lotería de Nadal
Celebración no Grove co terceiro premio da Lotería de Nadal / PontevedraViva

Manuel Rodríguez era este domingo un home feliz. Un ano máis, a súa administración de lotaría do Grove, 'A Centola Dourada de Moreno', foi unha das que máis sorte repartiu en Galicia no sorteo extraordinario da Lotaría de Nadal.

Tres dos premios deste sorteo vendéronse no seu despacho. Foron o terceiro premio, que recaeu no número 11840, e os dous cuartos premios, que foron para os décimos do 77768 e do 48020. En total, de alí saíron 720.000 euros.

"Estamos nunha nube. Moi felices e contentos", afirmaba o loteiro máis popular do Grove, que antes de terminar o sorteo xa celebraba con familiares e amigos o repartir tanto diñeiro. Especialmente porque xa sabía que entre os agraciados había xente do pobo.

Do 11840 venderon unha serie íntegra. Foi entre finais de novembro e principios de decembro. Belén e Mari, que se achegaron até a administración, compraron un dos boletos. Ambas, xunto con outras dez amigas, repartiron 50.000 euros.

Aínda que levaban moito tempo xogando xuntas á lotaría, desde había tres anos perderan esa tradición. Pero esta vez quixeron retomala. "Cada unha de nós comprou un número", explicaban ás portas da administración.

Celebración no Grove dos tres premios da Lotería de Nadal
Celebración no Grove dos tres premios da Lotería de NadalPontevedraViva

"Quedaban dous boletos dese número e collín un. Que pena de non coller o outro", sostiña Belén, despois de descorchar a champaña co que celebraron a súa sorte. Gañaron un diñeiro que "ademais para unha boa festa" servirá para darse algún capricho.

Foron as únicas gañadoras que, durante este domingo, achegáronse até a administración de lotarías de Manuel Rodríguez, que subliña que a moita xente cando os compra dinlles que "se toca, veño", pero fano "de noite" cando xa todo o balbordo pasou.

Ademais do medio millón de euros que este despacho do Grove repartiu do terceiro premio, outros 200.000 euros corresponderon á serie que venderon do 48020. Neste caso, sospeitan que vaia fóra do pobo. Foi comprada en pleno mes de agosto.

A sorte fixo que outro cuarto premio, o 77768, tamén reparta diñeiro nesta administración, aínda que neste caso de forma máis modesta. O posuidor do único décimo que venderon deste número levouse 20.000 euros.

"É a nosa recompensa do noso traballo. Traballámolo e poñémoslle moito agarimo", defendeu Maica Filgueira, traballadora de 'A Centola Dourada de Moreno' que, a falta do Gordo, espera que este ano haxa aínda máis sorte co Sorteo do Neno.

Celebración no Grove do terceiro premio da Lotaría de NadalPontevedraViva