O Entroido pontevedrés acolle fóra do "programa oficial" un singular evento que ten como protagonistas a centos de adolescentes que se enfrontan entre si polas rúas da cidade lanzándose ovos e fariña.
Esta práctica púxose de moda nos últimos anos durante a celebración do Entroido sen encontrar resistencia nas autoridades e co visto e prace das familias, aínda que numerosos cidadáns trasladaron o seu malestar polo que consideran que é un aspecto moi negativo da festa, polo que supón de dilapidación de alimentos e os "danos colaterais" que alcanzan aos que se interpoñen no medio de semellante "guerra urbana".
Tamén entre os adultos hai defensores deste fenómeno que se vencella ao espírito máis xenuíno dun entroido desregularizado, establecendo vínculos sociolóxicos coas enfariñadas, enlamadas ou mesmo co lanzamento das formigas vermellas de Laza.
Esta celebración xuvenil cada ano que pasa vai gañando máis parcipantes e as 'quedadas' para lanzarse ovos e fariña multiplícanse grazas ás redes sociais.
Esta práctica non é, nin moito menos, exclusiva da cidade de Pontevedra xa que se repite ao longo e ao largo de toda a xeografía española. Mesmo algúns concellos ditaron bandos ao respecto prohibindo os rapaces que pringuen as rúas, fachadas e mobiliario urbano co lanzamento de ovos, con ameaza de sanción.