Están cansos de esperar unha solución. Un centenar de veciños pertencentes ás comunidades de propietarios situadas na avenida das Camelias e avenida Matos en Ponte Muíños, na parroquia de Lourizán, demandan un entronque que lles permita resolver o problema de fecais que levan anos sufrindo. Este martes varios residentes denunciaban eses problemas de falta de conexión coa rede de saneamento.
Santiago Rogel, vicepresidente da comunidade de veciños Bloque 12, explica que cando no ano 2000 se producía a cesión dos terreos do antigo poboado de Celulosas ao Concello mantivéronse as tubaxes vellas en 96 vivendas, que continúan sen conectarse á nova rede de saneamento instalada na zona, que si ofrece servizo á piscina olímpica e ao colexio.
Este colectivo veciñal de afectados afirma que presentaron desde 2019 escritos no Concello sobre os problemas de inundacións que se sofren cada vez que se producen circunstancias meteorolóxicas adversas. Esta mesma situación xa foi denunciada a finais do mes de marzo deste 2023 ante a Valedora do Pobo.
Indican que pagan os seus recibos a Viaqua, empresa concesionaria do servizo de saneamento e, malia solicitar a acometida con conexión de rede de pluviais e fecais, seguen esperando a resolución da solicitude, presentada en setembro de 2022 polos números 8, 10 e 12 da avenida Matos.
Entenden que a tramitación se atopa parada por "decisión política" e esixen a conexión inmediata á rede nova para evitar novos problemas de desbordes de fecais na zona provocando problemas de salubridade.
A última inundación produciuse en outubro de 2022 con desborde de sumidoiros e anegación de baixos dos edificios con 24 vivendas que se atopan na zona máis baixa da urbanización e que son de titularidade privada. "Tivemos que tapar as entradas dos portais cunhas madeiras", afirma unha veciña que lembra o mal cheiro procedente da rede de sumidoiros..
Aseguran que levan meses reclamando unha reunión co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores ou con algún representante do goberno local que lles ofreza solucións. "Só pedimos que nos fagan o entroncamento ou que nos reciban e ofrezan unha solución, que nos digan que hai que facer para poder tratalo", indica un dos veciños afectados.
Polo momento recoñecen que "están a empezar" a organizarse entre a veciñanza pero non descartan pasar a realizar accións de protesta. "Unha cacerolada", indica un dos representantes das cinco comunidades veciñais de Ponte Muíños alertando de que xa non poden esperar máis e demandan que "se escoite o cidadán". "Atopámonos na nada", aseguran a pesar de tentar buscar en varias ocasións unha resolución falando coa xefa de Patrimonio, Viaqua e representantes políticos do Concello.