CEMMA logra salvar dous golfiños varados no Grove

O Salnés
04 de outubro 2021

Persoal desta ONG coa axuda dunha embarcación de BDRI e a colaboración de piragüistas do clube de remo, a Policía Local do Grove, gardapescas e efectivos de Emerxencias da vila puido rescatar unha femia adulta e un macho xuvenil, que foron recollidos e evaluados para posteriormente ser soltados no centro da ría de Arousa durante a xornada do domingo

Rescate de dous golfiños comúns varados no Grove
Rescate de dous golfiños comúns varados no Grove

Un golfiño común aparecía, á primeira hora da mañá deste domingo, varado na parte interior do complexo intermareal Umia - O Grove, na costa deste municipio fronte á  Illa da Toxa. Minutos máis tarde, tamén aparecía un segundo exemplar nadando, que tamén acabo varando na ría, nas proximidades do Parque das Besadas.

Segundo indican desde a ONG CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños) desprazáronse varias unidades móbiles ata o lugar. Alí atopáronse cunha femia adulta e un macho xuvenil.

Os dous exemplares foron recollidos, avaliados e, unha vez analizado o seu estado de saúde, volveron ser introducidos no centro da ría de Arousa.

Na intervención colaboraron coa súa embarcación os integrantes de Bottlenose Dolphin Research Institute BDRI, ademais de efectivos de  Emerxencias O Grove, da Policía Local,  guardapescas da confraría San Martiño e piragüistas do club de remo.