O pontevedrés Cemiterio de San Amaro, situado na parroquia de Mourente, é un dos espazos máis icónicos da cidade.
Foi proxectado no ano 1879 polo arquitecto municipal Alejandro Rodríguez-Sesmero, e a súa inauguración tivo lugar o 29 de setembro de 1882.
Guiados polo sepultureiro municipal, Francisco Abuin, adentrámonos nos lugares únicos que agocha o camposanto, así como as historias dos personaxes ilustres que aquí descansan, revelando así a importancia deste lugar na memoria colectiva da cidade.
Ao entrar no recinto, somos recibidos por unha impoñente porta de estilo neoclásico que lembra á mitoloxía grega. Esta entrada ten o escudo de Pontevedra, a coroa por enriba, xa que foi quen custeou cementerio, e tamén a cruz, porque quen manda é a Igrexa, comenta Abuin.
As tres portas que observamos indican a diferenciación entre os vivos e os mortos, destacando a maior, destinada aos finados. Sobre esta porta, un reloxo alado e unha guadaña recordan a importancia do tempo.
Panteón do médico dos pobres: O primeiro panteón que chama a atención é o de Celestino López de Castro, coñecido como o médico dos pobres, quen durante a pandemia de 1918 da gripe española axudou a moitas persoas. Destacou pola súa xenerosidade, rexeitando un coche e 3.000 pesetas da época recibidos por subscripción popular. O panteón é un hipoxeo, que se refire ás galerías ou pasaxes subterráneas destinadas a funcións funerarias.
A poucos pasos, encontramos os panteóns das familias Fonseca, Mon e Riestra, construídos os dous últimos en mármore de Carrara e inspirados no cemiterio Père-Lachaise de París, reflectindo a relevancia das familias máis influentes da época.
Ao longo do noso percorrido, Francisco Abuin compártenos a historia da pioneira aviadora Chichana Patiño, quen, a pesar da súa curta vida, deixou unha profunda pegada na sociedade ao ser unha muller adiantada ao seu tempo.
Máis adiante, transformámonos en testigos dun monumento á historia económica de Galicia, co panteón onde está soterrado un dos irmáns Peinador e o da familia Riestra, impulsores dos balnearios de Mondariz e A Toxa, respectivamente.
Non podiamos deixar de mencionar o panteón de Luís Amado Carballo, un destacado escritor pontevedrés da "Xeración doente", en cuxa lápida pode lerse que faleceu o 3 de setembro de 1927 aos 26 anos.
Soterramento de Alexandre Bóveda: A poucos pasos, o panteón onde se atopa Alexandre Bóveda e que corresponde á familia da súa muller, Amalia Álvarez, que tamén está aquí enterrada. Inicialmente, Bóveda foi inhumado no panteón familiar de Celso García de la Riega, logo de ser fusilado, dado que naquela época non contaba cun panteón propio. O ofrecemento de De la Riega para acoller a Bóveda foi un acto valente e respectuoso. Co paso do tempo, o político galeguista foi incinerado e posteriormente trasladado ao panteón do seu sogro, Xerardo Álvarez Limeses.
Mausoleo de Indalecio Armesto: No cemiterio civil, atópase o mausoleo de Indalecio Armesto, un destacado político que foi presidente da Deputación. O monumento sobre a súa tumba é notorio, non só por contar cun busto que o representa, senón tamén porque, na parte superior, destaca un ollo masónico que simboliza o seu legado e a súa influencia. A pesar de que no momento do seu falecemento, en 1890, non se permitían manifestacións públicas, a súa despedida reuniu a unhas sete mil quinientas persoas.
Tumba de Francisco Zagala: Preto do panteón de Armesto, repousa a tumba de Francisco Zagala, un eminente fotógrafo que desexou ser enterrado ao seu pé para reivindicar a sacralidade da terra e a igualdade entre todos os seres humanos. A súa decisión de ser inhumado de tal maneira reflicte a súa crenza de que a morte non distingue de estatus, lembrando que todo ser humano ten o seu lugar no ceo.
As irmás Mendoza: Noutro lugar do cemiterio, atopamos o panteón da familia Mendoza, Babiano e Méndez Núñez, onde descansan as irmás Mendoza, figuras adiantadas ao seu tempo. Con coñecementos en inglés e francés, e unha vasta cultura, estas mulleres marcaban a diferenza na súa época.
Panteón da familia Muruais: O panteón da familia Muruais, recentemente restaurado, destaca por ser o lugar de sepultura de Xesús e Andrés Muruais, propietarios da biblioteca máis grande de Galicia, situada na Casa do Arco. Un espazo que un día foi un centro cultural para intelectuais como Valle-Inclán.
Entre os numerosos recunchos do cemiterio, tamén se atopa a tumba do fillo de Valle-Inclán, que se alistou no Bando Republicano durante a Guerra Civil e perdeu a vida no conflito. A súa sepultura, adornada cunha cruz celta, representa non só a memoria do mozo, senón tamén un testemuño da historia turbulenta que afectou a tantas familias durante aquel período.
Cadro de párvulos e das patas: Ademais dos panteóns, o cemiterio alberga catro espazos de soterramento comunal chamados cadros de terra. Entre eles, o cadro de párvulos ou gloria, onde se enterraban os nenos que morrían sen ter recibido a primeira comuñón. Este lugar é tamén coñecido como o "cadro das patas", xa que nos laterais alberga membros amputados, así como os fetos, todos indicados cun ferro e unha chapa co seu número de rexistro inscrito.
Capela do cemiterio de San Amaro: Neste cemiterio atópase unha capela laica, orixinalmente pertencente á orde de San Benito e coñecida como a capela de San Mamede de Moldes. En 1966, Sánchez Cantón e Filgueira Valverde adquiriron as pedras do templo, entón en ruínas, á parroquia, e trasladáronas ao cemiterio. Ten a particularidade de que está levantada ao revés, de tal forma que mira cara ao nacente en lugar de cara ao poniente, pensada desta maneira para acoller, co seu carácter desacralizado, a todas as relixións e crenzas.
Ao final do noso percorrido, nesta pequena mostra queda patente a riqueza histórica e cultural que alberga o Cemiterio de San Amaro. Francisco Abuin, co seu profundo respecto e coñecemento, preséntanos non só un espazo de loito, senón un lugar de conmemoración da vida e do legado dos nosos antepasados.