Celso Emilio Ferreiro e O Piñeiriño, primeiros barrios de Vilagarcía con centros comunitarios de compostaxe

O Salnés
12 de xaneiro 2016

Os composteiros terán capacidade para tratar os residuos orgánicos biodegradables producidos entre 60 e 300 veciños de cada zona  

Programa de compostaxe da Deputación Pontevedra
Programa de compostaxe da Deputación Pontevedra / Deputación de Pontevedra

O goberno de Vilagarcía poñerá en marcha un sistema de reciclaxe de residuos orgánicos para elaborar compost cunha iniciativa de centros comunitarios de compostaxe que comezará nos barrios Celso Emilio Ferreiro e O Piñeiriño.

O responsable municipal de Medio Ambiente, Liño Mouriño, indicou que se escolleron estes barrios para esta experiencia no ámbito urbano ao comprobar que reúnen as condicións idóneas ao contar cun parque no que instalar os composteros comunitarios. Trátase de zonas cunha elevada concentración de residentes e facilita os labores de información e promoción do programa, que está a desenvolver a Deputación provincial.

Os centros comunitarios de compostaxe contan cunha capacidade para tratar de residuos orgánicos biodegradables producidos entre 60 e 300 veciños de cada zona. Os residuos orgánicos utilizaranse como materia prima para a obtención do abono ecolóxico denomidado compost.

O plan iniciarase coa distribución de publicidade sobre esta proposta, con reunións que se celebrarán o mércores 20 e o xoves 21 nestes parques coa instalación dunhas carpas. Durante esta campaña repartiranse follas de inscrición para que os interesados participen.

O responsable de Medio Ambiente fai un chamamento a que os veciños se apunten a esta iniciativa porque non leva custo nin traballo engadido xa que só terán que separar os residuos orgánicos. Con esta actividade, o volume de residuos non reciclables polos que o Concello paga a Sogama descendería e supoñería un menor gasto para as arcas municipais.