Este 29 de marzo celébrase en toda España o Día Nacional do Transplante. Pontevedra celebrou na entrada do Hospital Provincial un acto no que se reivindicou a solidariedade dos pontevedreses, que melloran lixeiramente as cifras do ano pasado no número de transplantes.
O acto estivo presidido pola Asociación de Donantes e Receptores de Órganos de Vigo (Adrovi), coa representación do seu presidente, Celso García. Ao evento asistiron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o xerente do Sergas, José Flores; e persoal do hospital xunto os pacentes que foron receptores dun órgano nalgún momento da súa vida.
Celso García recalcou que "cada vez estamos máis concienciados, pero a escaseza de doantes é enorme". O presidente da Adrovi quixo destacar que Pontevedra é a provincia de Galicia con máis tarxetas de doantes, e mostrou o seu agradecemento ás familias das persoas que deciden doar os seus órganos "por salvar a vida a moitos trasplantados".
Durante a celebración do evento, García realizou un pequeno discurso no que continuou destacando a escaseza de número de doantes, e agradeceu ao persoal sanitario o seu labor por "facer que España sexa lider mundial nesta materia".
Doutra banda, o alcalde da cidade apuntou que "nunca é suficiente a información que deben ter os cidadáns", explicando que "todo o esforzo que se faga para informar do que se fai cun cadáver doado para o transplante é pouco".
O xerente do Sergas, José Flores, engadiu que "Pontevedrá está na media de Galicia. Temos bos números, un pouco por enriba do ano pasado". Ademais, Flores recalcou que os galegos son moi solidarios en relación ás doazóns, resaltando a importancia de seguir celebrando actos deste tipo para continuar concienciando á poboación.