A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias de Pontevedra (Afapo) celebraba este venres 4 o seu vixésimo aniversario cun acto no Auditorio de Afundación ao que asistían Luis López, presidente da Deputación Provincial e Antón Acevedo, director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, entre outras autoridades.
Acevedo, na súa intervención, sinalaba que Galicia é a única comunidade que conta cunha rede de unidades terapéuticas especializadas na atención de alzheimer.
Sinalou que desde a Xunta seguirán traballando para mellorar a atención das persoas con esta enfermidade coa intención de mellorar a súa calidade de vida e tamén a dos seus familiares.
Pola súa banda, Luis López destacaba o traballo que realiza Afapo e subliñou a importancia destes colectivos sociais para prestar unha "atención de primeira".
O presidente provincial sinalou que a Deputación mantén o compromiso co apoio ás actividades da asociación que preside José Manuel Fontenla compartindo a filosofía de "unir esforzos" e promovendo a conciliación da vida persoal e laboral dos familiares dos pacientes e os seus coidadores.
A xornalista Belén Hermida foi a encargada de conducir a gala benéfica, que finalizaba con música do grupo pontevedrés Black Stones. Durante a gala rendíase homenaxe aos fundadores de Afapo.