A operación antidroga Ceira, froito dunha investigación conxunta España-Portugal

O Salnés
11 de outubro 2024

A xuíza de Cambados pediu a principios de ano impulsar un equipo con el país vecino para investigar unha organización dedicada a traficar drogas e ao contrabando de embarcacións

Patrullas da Policía Nacional e a Garda Civil nunha intervención conxunta
Patrullas da Policía Nacional e a Garda Civil nunha intervención conxunta

O operativo Ceira, desenvolvido a semana pasada pola Policía Nacional, a Garda Civil e o Servizo de Vixilancia Aduaneira entre Pontevedra, A Coruña e Portugal, é resultado dunha acción conxunta entre autoridades españolas e lusas no marco de Eurojust, a Axencia da Unión Europea para a Cooperación Xudicial Penal.

Así o deu a coñecer este venres o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) nun comunicado no que tamén sinala que esta semana se levantou o segredo de sumario e cesou o Equipo Conxunto de Investigación (ECI).

Esta cooperación impulsouna a maxistrada do Xulgado de Instrución número 4 de Cambados en xaneiro de 2024. Solicitou a creación dun grupo para indagar sobre unha presunta organización criminal dedicada ao tráfico de drogas e ao contrabando de narcolanchas.

A organización está fincada nO Salnés e con nexos en Portugal e as Forzas e Corpos de Seguridade practicaron unha vintena de detencións e incautaron ao redor de 23 quilos de heroína.

Nas próximas semanas decidirase sobre a transmisión do procedemento portugués en favor da xurisdición española.

Os ECI forman parte das ferramentas de cooperación internacional para facer fronte, dentro da Unión Europea, á delincuencia organizada transnacional, pois permiten o intercambio directo de elementos probatorios e de informacións entre países.

Para formalizalo, a xuíza e o fiscal especializado da Fiscalía de Pontevedra mantiveron un encontro na sede de Eurojust cos maxistrados de enlace españois e portugueses, así como con autoridades xudiciais portuguesas e policiais de ambos os lados do Miño.