O CEIP Riomaior recibiu da man do Ministerio de Educación o primeiro premio do II Concurso de Benestar Emocional convocado a nivel estatal e dotado con 8.000 euros.
A directora do centro, María del Carmen Negro, desprazarase a Toledo para recoller o galardón no IX Congreso Estatal de Convivencia Escolar que se celebrará os días 23 e 24 de outubro na Fábrica de Armas da Universidade de Castela-A Mancha.
O colexio de Vilaboa é o único centro galego premiado nesta convocatoria e contará cunha caseta propia no evento que mostrará o traballo realizado pola comunidade educativa o pasado curso dentro do programa motivador "Xirarei polo Morraso".
A primeira actividade consistiu na presentación do cinco alcaldes das comarcas de Vilaboa, Cangas, Marín, Bueu e Moañaen grupos internivel de primeiro a sexto de Educación Primaria.
Cada un deles ten un escudo, un saúdo e un nome. Os de Vilaboa escolleron 'Danzaríns de Cobres'; os de Cangas, 'Cruzados do Hïo', os de Moaña, "Os druídas da Fraga"; os de Marín, "Mouros Mariños" e os de Bueu "Paraíso de Bueu".
A aventura conta ademais co transfondo literario da escritura xuvenil de Anxo Fariña, que tamén visitou o centro.
En resumo, este premio valora todas as actividades levadas a cabo durante o curso engranadas perfectamente para abarcar aspectos de reciclaxe, convivencia, benestar, inclusión... e finalizan cun impacto final.
Neste sentido, entre as conclusións finais destacan a simulación dun pleno celebrado co alcalde no concello de Vilaboa, unha xornada de convivencia no centro de maiores de Bueu, e gravacións de vídeos publicitarios das zonas principais das comarcas, así como limpeza de praias
Esta actividade multinivel, na que participou alumnado de todas as idades, estivo complementada con outras iniciativas como o programa de mediación, os talleres STEAM, a acción tutorial e actividades de promoción da vida saudable.
Esta última mostrou ao estudiantado como elaborar un menú saudable por menos de 10 euros con produtos escollidos nunha tenda de proximidade e aprendeu a conservalos até o día da preparación nas instalacións do centro para degustalo en conxunto.
Tanto para César Poza, alcalde de Vilaboa, como para Mari Carmen Negro, este premio significa "un recoñecemento ao noso sistema de traballo levado a cabo nunha contorna rural e o recoñecemento da valía da educación na escola pública".