O CEIP Manuel Padín Truiteiro de Soutomaior xa goza dun novo salón de actos

Soutomaior
31 de xaneiro 2025

As actuacións consistiron na construción dun novo patio de butacas, a mellora do alumeado e do pavimento do salón e a subsanación de diferentes eivas estruturais no escenario

Salón de actos do CEIP Manuel Padín Truiteiro
Salón de actos do CEIP Manuel Padín Truiteiro / Concello de Soutomaior

O salón de actos do CEIP Manuel Padín Truiteiro de Soutomaior loce coma novo, unha vez rematada a atuación impulsada desde o Concello para a súa renovación. 

As actuacións consistiron na construción dun novo patio de butacas, a mellora do alumeado e do pavimento do salón e a subsanación de diferentes eivas estruturais no escenario para favorecer a realización de actividades.

A actuación tivo un investimento de case 15.000 euros e buscou cubrir as principais necesidades que presentaba o salón de actos. 

O obxectivo era que tanto o alumnado como o persoal docente do centro escolar poidan gozar dun salón de actos "en boas condicións e cunhas instalacións coidadas".

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Obras, Pablo Garrido, achegáronse esta semana ata o centro para ver os resultados desta actuación, que estivo consensuada co director do centro.

Salón de actos do CEIP Manuel Padín Truiteiro
Salón de actos do CEIP Manuel Padín TruiteiroConcello de Soutomaior

Manu Lourenzo sinalou que esta renovación "era unha actuación prioritaria" para o goberno local e por iso "non aforramos nin esforzos nin recursos para realizar estas obras e cubrir as necesidades trasladadas polo equipo directivo".

Tamén avanzou que mantén un "diálogo fluído e constante" co director do CEIP de cara a buscar máis melloras a curto, medio e longo prazo, co obxectivo de que o alumnado teña acceso ás mellores instalacións posibles.

Para o goberno local de Soutomaior, "investir en educación, dentro das competencias que lle corresponden ao Concello, é un obxectivo prioritario".