Ceden ao Concello de Poio dous locais no Porto Deportivo de Combarro

Poio
24 de marzo 2023

Grazas ao acordo acadado con Combarromar, un dos espazos será utilizado como oficina de información, mentres que a sala máis grande será destinada a local para a participación, con capacidade acoller actividades diferentes eventos como exposicións, proxeccións ou conferencias

Porto deportivo de Combarro
Porto deportivo de Combarro / Mónica Patxot

Combarromar S. A., concesionaria do Porto Deportivo de Combarro, cedeu ao Concello de Poio dous locais situados na dársena.

Os concelleiros Silvia Díaz e Gregorio Agís informaron que estes espazos serán remodelados e utilizados con destino á promoción e difusión turística do municipio, "supoñen un gran salto de calidade e unha mellora evidente" na proxección de Poio, segundo valoraron.

Díaz e Agís estiveron acompañados de representantes de Combarromar, aos que agradeceron a súa predisposición á hora de facilitar esta negociación.

O convenio establece que a duración do contrato será de 33 anos. Neste tempo o Concello poderá facer uso de dous locais que se emprazan nun inmoble do Porto Deportivo construído no ano 2008. O primeiro destes espazos, de preto de 100 metros cadrados, acollerá unha nova oficina de turismo o segundo local, de 150 metros cadrados, dedicarase a espazo expositivo de difusión e promoción do concello, con capacidade para acoller diferentes eventos, como presentacións, conferencias, exposicións ou proxeccións audiovisuais. 

"Será unha área de participación, que pasará a integrarse tamén na Rede de Espazos Municipais (REM) do Concello de Poio", adiantou Silvia Díaz.

Gregorio Agís estima que estas dependencias xa estarán operativas "a pleno rendemento" en 2024, se ben se está estudando a posibilidade de que a oficina de información poida estar operativa de xeito temporal de cara a este mesmo verán.

Previamente, e unha vez formalizado este convenio, o Concello iniciará os trámites para levar a cabo os traballos de reforma necesarios para poñer a punto ambos espazos. Unha vez licitados, procederase á súa adxudicación e execución. A estimación do orzamento para levar a cabo esta actuación rolda os 165.000 euros.