O sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.) levou a cabo unha homenaxe no Café Moderno en memoria do sindicalista José Mató, responsable do sindicato comarcal de Pensionistas de Pontevedra, que falecía o pasado 18 de xaneiro nun accidente de tráfico aos 85 anos cando regresaba ao seu domicilio procedente dunha reunión de pensionistas do sindicato que se desenvolvera en Santiago.
Durante o acto recordouse a súa importante traxectoria dende os tempos en que estivo represaliado polo franquismo e exiliado en Montevideo ata o seu regreso a España onde realizou un importante traballo en CC.OO. de Mallorca e formando parte do Consello Confederal desta central sindical.
Cando se xubilou en Pontevedra axudou a constituír e a dirixir o Sindicato Comarcal de Pensionistas mantendo unha continua actividade en defensa dos sectores máis desprotexidos da sociedade ata a súa morte. No ano 2011, a Fundación 10 de Marzo de CC.OO. galardooulle nun acto público.
O secretario comarcal de CC.OO., José Luis García Pedrosa, recordou a figura dun home "honesto, comprometido e militante".