CC.OO. denuncia que a empresa rexeita pagar perigosidade ao persoal de limpeza nos hospitais públicos en plena pandemia

Pontevedra
26 de novembro 2020

O sindicato anuncia a través dun comunicado que se trata dunha "xustísima reivindicación" dos traballadores e que fará chegar a situación aos usuarios dos hospitais a través dunha folla informativa na que recollerán as condicións nas que está a prestar o servizo de limpeza todo o persoal  

Equipos de protección individual ante o coronavirus
Equipos de protección individual ante o coronavirus /

O traballo do persoal responsable da limpeza dos hospitais públicos de Pontevedra resulta durante a actual pandemia da covid-19 de "extrema importancia" para evitar os contaxios, os traballadores están a realizar un sobreesforzo de horas en todas as quendas e, nembargantes, a empresa concesionaria do servizo, Acciona, négase a pagar a perigosidade asociada ás súas funcións. Así o denuncia o sindicato CC.OO. ante os medios de comunicación e así o vai trasladar tamén aos usuarios. 

CC.OO. anuncia a través dun comunicado que se trata dunha "xustísima reivindicación" dos traballadores e que fará chegar a situación aos usuarios dos hospitais a través dunha folla informativa na que recollerán as condicións nas que está a prestar o servizo de limpeza todo o persoal. 

Ademais, critican que nos servizos nos que hai pacientes con covid-19 "non contan con persoal suficiente" para facer o seu traballo e a empresa responde "obrigándoas a un sobreesforzo". 

Este sindicato esixiu a Acciona o pago do mesmo plus de perigosidade que o Servizo Galego de Saúde paga aos celadores que están en contacto con pacientes ou que a empresa Mediterranea de Catering, concesionaria do servizo de cociña do Hospital Provincial, paga ao persoal responsable dos menús dos  pacientes que están hospitalizados.

A resposta da empresa, segundo denuncia CC.OO. foi "totalmente negativa". Mesmo instou aos traballadores a reclamar este plus no Xulgado do Social, unha resposta que o sindicato considera que demostra "desconsideración" e "sensibilidade cero" ao persoal

Ademais de criticar esta negativa a pagar a perigosidade, CC.OO. enumera as condicións de traballo este persoal, pois "enfróntanse día a día e cara a cara coa covid-19" e fano moitas veces con moito máis tempo de exposición diario que o propio persoal sanitario.

Engaden que os EPIs que teñen que utilizar fan que estean nunha situación de "sudoración permanente" e que fan o seu traballo mentres manteñen unha "vixilancia extrema para evitar o contaxio", de maneira que viven con "notable estrés".