Catro persoas resultan feridas. unha delas grave, nun accidente entre dous turismos nunha rotonda de Ribadumia

O Salnés
30 de decembro 2023

Foi necesario cortar a circulación na estrada á altura da rotonda de entrada á AG-4 entre as 22.15 e as 01.30 horas. O condutor do Megane foi evacuado con distintas feridas e dos catro ocupantes do BMW, tres deles foron trasladados con diferentes danos a centros sanitarios, un deles en estado de gravidade

Estado en que quedaba o BMW tras o impacto
Estado en que quedaba o BMW tras o impacto / Servizo de Emerxencias

Ao redor das 22.00 horas da noite deste venres rexistrábase un accidente polo impacto entre dous vehículos á altura da rotonda de entrada á AG-4 no municipio de Ribadumia.

O brutal impacto frontal provocou que o condutor do Megane, de 60 anos de idade, resultase ferido e fóra evacuado pola ambulancia do 061 con dor cervical, dor de extremidades inferiores e dor torácica a un centro sanitario.

No BMW viaxaban catro persoas. O condutor resultaba ileso mentres que o copiloto, de 67 anos, tivo que ser trasladado en estado grave pola ambulancia medicalizada a un centro sanitario.

As dúas persoas que viaxaban na parte traseira do turismo, de 63 e 55 anos, foron evacuadas con dor cervical, lumbar e torácico pola ambulancia do 061 a un centro sanitaria.

A estrada mantívose cortada, segundo informa o servizo de Emerxencias do Concello de Cambados, ata que se realizaba a limpeza da vía. O corte mantívose entre as 22.15 e as 01.30 horas.

Na intervención, ademais de Emerxencias de Cambados, participaba a Garda Civil de Tráfico, Ambulancias do 061, a Ambulancia Medicalizada do 061, Atestados, Garda Civil de Cambados, Protección Civil de Ribadumia e Mantemento de Estradas.