Catro establecementos hostaleiros de Pontevedra súmanse aos selectos 'Soletes' que entrega o equipo de expertos da Guía Repsol. Nesta ocasión fixáronse nas zonas máis céntricas das cidades españolas para descubrir as súas tendencias gastronómicas.
Este galardón, segundo os seus responsables, "axuda a elixir lugares para almorzar, comer ou tomar algo en zonas nas que a miúdo é complicado acertar, pola amplitude da oferta e por estar en constante ebulición"
No caso de Pontevedra, son Misto Café Bar, Pumper, Os Maristas e Club del Café os catro locais que foron recoñecidos con este distintivo por estar entre os establecementos que "mellor transmiten a alma da cidade", sosteñen desde a Guía Repsol.
Do Misto Café Bar, situado na Rúa Marquesa, os expertos da Guía Repsol destacan que "se poden almorzar torradas que escapan da norma", mentres que durante o resto do día ofrece un "picoteo rico e consciente" para todo tipo de público.
"Recibir este premio despois de apenas un ano abertos di que temos un camiño que vai por bo sitio", explicou a súa propietaria, Laura Martínez, que destaca que "traballamos moi bo produto e temos a cociña aberta todo o día".
De Pumper, que recentemente ampliou o seu local en Sagasta, o xurado subliñou que é un lugar "onde se respira paz", o que o converte "no lugar perfecto para almorzar rico no centro de Pontevedra", grazas ás súas múltiples opcións culinarias.
Aínda que os premios "non son a nosa prioridade", Elías del Solar, un dos seus responsables celebra que "se valore o noso traballo", centrado en que os seus clientes "coman algo que preparamos con todo o agarimo, de forma minuciosa e coidando moito os ingredientes".
En plena Praza da Verdura está Os Maristas, un bar de tapas que para a Guía Repsol ten "propostas audaces" que reinventan a gastronomía galega, entre elas as ameixas en mariñeira thai, o 'perrito' de chistorra ou as empanadillas con mexillón e chourizo.
Segundo Arón Álvarez, este recoñecemento "fainos moitísima ilusión e dános gasolina para seguir traballando e facelo cada vez mellor". Detrás do seu éxito, asegura, "hai moito traballo" para aprender día a día conseguir que os seus pratos "gusten máis á xente".
O cuarto novo 'Solete' de Pontevedra é Club del Café, un establecemento emblemático da cidade, do que destacan que venden café frío embotellado e que nel "pódese tomar 'pink latte', a súa reinterpretación do café vienés ou o capuchino da casa".
Gonzalo Rodríguez recibe este distintivo "con orgullo e moita alegría", xa que "son cousas que che dan moita enerxía". O que eles achegan "é oficio", ofrecendo un café "de alta calidade e estándares moi altos todo o ano", para o que se esforzan por "manter a constancia".
Galicia, que nesta edición enfocada ao centro das cidades, obtivo 28 novos distintivos. Conta xa, en total, con 253 'Soletes' de diferentes categorías desde o nacemento desta distinción que outorga a Guía Repsol.
Desde o nacemento dos 'Soletes', no verán de 2021, os establecementos premiados están clasificados en seis categorías diferentes.
Así, hai bares, barras e tascas, para cando apetece tomar unha caña ou un refresco e picar algo rico; cafeterías e pastelerías, para almorzar e merendar repostería caseira ou café recentemente tostado; restaurantes e casas de comidas, para un menú rico ou cear de luxo nun sitio alcanzable; ou vinotecas e coctelerías, onde brindar con calquera escusa.