A Xunta de Galicia publicaba este luns as resolucines de ajdudicación dos procesos para adquirir un total de tres novos equipos de tomografía axial computerizada (TAC) para o Hospital Montecelo de Pontevedra. O investimento ascende a 2,2 millóns de euros, que se realiza a través de fondos Next Generation da Unión Europea, achegando tamén fondos propios da administración autonómica para adquirir equipos de gamas superiores aos que financian estes fondos europeos, segundo explican desde a Consellería de Sanidade.
Os contratos inclúen tamén a adquisición dun TAC de planificación, destinado ao Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés en 2023, que supón unha ampliación do equipamento. Incorporarase ao novo Servizo de Radioterapia que se poñerá en marcha co Gran Montecelo.
Os equipos actuais contan cunha antigüidade superior a unha década. Os distintos contratos establecen prazos de entre 5 e 12 meses para a entrega destes equipos. A instalación está prevista ao longo deste 2022 e durante o próximo ano.
Estes novos elementos mellorarán a capacidade diagnóstica dos centros asistenciais públicos da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, segundo indican desde a Xunta de Galicia.
TAC PARA O SALNÉS
Tamén desde a administración autonómica anúnciase a incorporación dun novo aparello de tomografía axial computerizada para o Hospital Comarcal do Salnés cun investimento de 408.035 euros.
Este equipo destínase a renovar a alta tecnoloxía xa dispoñible neste centro sanitario, que contaba con elementos con máis de dez anos de utilización. Tamén está financiado con fondos europeos Next Generation. Instalarase durante este ano 2022.