Catro novos conselleiros e sen vicepresidencias, así é o novo goberno galego

Pontevedra
14 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Tal e como estaba previsto, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda desvelou a composición do seu novo goberno con once consellerías e no que destaca a eliminación das dúas vicepresidencias que había ata hoxe

Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia
Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia / Xunta de Galicia

Tal e como estaba previsto, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda desvelou a composición do seu novo goberno con doce consellerías e no que destaca a eliminación das dúas vicepresidencias que había ata hoxe.

Ademais de deixar a vicepresidencia primeira, Ángeles Vázquez cambia de competencias e agora será responsable de Medio e Cambio Climático mentres que Diego Calvo continúa como conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes.

María Martínez Allegue estará á fronte da consellería de Infraestruturas que suma a carteira de Vivenda.

Crea a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, á fronte da cal estará o alcalde da Estrada e deputado provincial, José López.

Sae do goberno autonómico Julio García Comesaña, que será substituído por Antonio Gómez Caamaño á fronte da Consellería de Sanidade.

Cae tamén Elena Rivo e a súa consellería tamén cambia de nome e agora pasará a denominarse Emprego, Comercio e Emigración, e asumiraa José González, ata o de agora conselleiro de Medio Rural, unha carteira que pasará a mans de María José Gómez Rodríguez, exalcaldesa de Guntín e senadora.

Continúan á fronte da Consellería de Facenda e Administración Pública Miguel Corgos; na consellería do Mar Alfonso Villares; na Consellería de Política Social e Igualdade, Fabiola García; na Consellería de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana e na Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez.

Os conselleiros xurarán ou prometerán este luns o seu cargo, ás 9 da mañá, no Pazo de Raxoi.