O proxecto da Maleta Viaxeira, Mavi, posto en marcha hai un ano pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra para axudar a concienciar á poboación sobre a violencia contra as mulleres terá continuidade. Á peza de grandes dimensións con 28 libros que circula pola provincia desde outubro de 2021 sumaranse agora outras catro de menor tamaño cun total de 50 libros entre todas elas que, desta maneira, “multiplicarán por catro” os lugares aos que pode chegar a iniciativa.
Estes 78 libros son fundamentalmente escritos por mulleres e teñen como eixo común que abordan temas como o feminismo, a violencia de xénero, o empoderamento e a autoestima, a trata de mulleres e tamén testemuños de mulleres que conseguiron "saír dese inferno que é a violencia de xénero en todas as súas modalidades"
Con eles, búscase favorecer un pensamento crítico ante os estereotipos e roles de xénero que perpetúan a violencia machista.
A primeira parada da Mavi en 2021 foi o centro penitenciario da Lama e tamén pasou polos concellos de Moaña e Covelo, permanecendo un mínimo de tres meses en cada un dos destinos. O que se busca, explica a subdelegada pontevedresa, Maica Larriba, é “traballar na concienciación sobre a violencia de xénero para a erradicación desta terrible lacra”.
A Subdelegación insiste na importancia de rachar con estereotipos machistas e de chegar ata a xente máis nova e, como dato, este martes comunicou que na provincia hai nestes momentos sete vítimas menores de 18 anos e tres agresores menores, "o que demostra que a violencia machista non é unha cousa de persoas maiores e que os mozos e mozas están a reproducir estereotipos que perviven na nosa sociedade”.
Desta maneira, dos 78 libros que hai nas xa cinco maletas viaxeiras, 15 están pensados para o público infantil.
Esta iniciativa da Subdelegación "desde o primeiro momento" tivo "gran aceptación" e houbo moitas demandas de institucións e entidades que queren que lles chegue a maleta, por iso é polo que decidiron poñer en ruta outras catro, "para facilitar que chegara aos maiores puntos de demanda posible".
Os libros están destinados especialmente a mulleres e nenas, pero tamén queren chegar a homes e unha parte moi importante do proxecto é que "fagan unha lectura crítica" destes textos e "acheguen as súas valoracións".
Os seguintes destinos serán concellos, asociacións de mulleres ou casas de acollida de Mondariz, Marín, A Guarda, O Rosal, Lalín, Pazos de Borbén e O Grove, sempre baixo petición das distintas entidades. Máis de dúas decenas xa se interesaron pola iniciativa.
Maica Larriba e a xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación, Manuela Vilaboy, presentaron este martes a ampliación deste proxecto, que tivo tanta acollida que xa se puxo en marcha noutras subdelegacións do Goberno, mesmo de fóra de Galicia.