O Partido Popular segue desvelando, aos poucos, o nome dos homes e mulleres que acompañarán a Rafa Domínguez na candidatura que os populares presentarán ás eleccións municipais do próximo mes de maio.
Domínguez avanzou que tres novas incorporacións, Martín Martínez, Silvia Junco e Guillermo Juncal, ocuparán os números 6, 7 e 8 respectivamente na súa lista. Todos eles súmanse ao empregado de banca Gerardo Pérez Puga, por agora o único edil da corporación actual que repetirá nos postos de saída.
Martín Martínez é técnico superior de deseño, decoración e fabricación de madeira e interiores e, na actualidade, exerce como auxiliar administrativo na Escola Naval. Está ligado á parroquia de Lérez, onde é presidente da comunidade de montes, tesoureiro da asociación de veciños e presidente da Confraría do Santísimo Cristo do Consolo.
"Quero que os meus veciños poidan contar con mellores infraestruturas, con transporte público que lles permita desprazarse ao centro e coa atención que merecen", sinalou.
Pola súa banda, Silvia Junco, natural de Oviedo, é técnico en empresas e actividades turísticas. Foi concelleira na corporación asturiana e, ademais, é presidenta da comisión de Responsabilidade Social Corporativa da Confederación Nacional de Mulleres en Igualdade.
"Gustaríame achegar a miña experiencia na área de turismo para volver situar a Pontevedra como referente das Rías Baixas", apuntou a número 7, ao entender que o Concello non está a aproveitar os recursos turísticos cos que conta Pontevedra.
Guillermo Juncal é autónomo e compaxina os seus estudos en Dereito co seu labor como xogador e vicepresidente do Mareantes Rugby Club.
O presidente de Novas Xeracións de Pontevedra e membro da directiva autonómica do PPdeG destacou que "os mozos temos moito que achegar en política, ideas novas cargadas de ilusión coas que lograr mellorar a miña cidade".
Estas tres fichaxes veñen traballando de xeito conxunto co candidato popular desde hai varios meses, tras ser nomeados membros da executiva local. "Temos un gran equipo que achega ilusión e que está preparado para gobernar desde o primeiro día", explicou Domínguez.