Catro mortos máis por covid-19, tres en Montecelo e outro na súa casa de Ponte Caldelas

Pontevedra
29 de xaneiro 2021

Xornada tráxica na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Sanidade comunicou a morte doutras catro persoas por covid-19. Con estes falecementos, que se produciron entre onte e hoxe, as vítimas mortais pola pandemia son xa 109

Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo
Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo / Mónica Patxot

Xornada tráxica na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Sanidade comunicou a morte doutras catro persoas por covid-19. Con estes falecementos, que se produciron entre onte e hoxe, as vítimas mortais pola pandemia son xa 109.

O máis recente destes decesos foi o dun home de 96 anos que faleceu este venres no Complexo Hospitalario de Pontevedra. Segundo as autoridades sanitarias, tiña patoloxías previas.

Tamén as tiñan o home de 92 anos e a muller de 83 anos que morreron pola covid-19 onte xoves e cuxa morte confirmou hoxe o Servizo Galego de Saúde. Ambos estaban ingresados en Montecelo, igual que o falecido hoxe.

O reconto de victimas mortais da área sanitaria complétase co falecemento dun home de 61 anos. No seu caso, non foi no hospital. Morreu na súa casa de Ponte Caldelas.

Estas catro mortes forman parte do terrible balance que fixo o Sergas, que notificou 34 falecementos en Galicia, ata un total de 1.752 desde o inicio da pandemia.

A área afectada foi a da Coruña, con doce falecidos. Oito estaban ingresados no hospital da Coruña, seis mulleres de 72 a 90 anos, e dous homes de 79 e 90 anos. Outros dous homes de 84 e 91 anos morreron na residencia DomusVi de Carballo, outra muller de 86 anos no hospital de Cee e unha muller de 55 anos na residencia Pai Menni de Betanzos.

Na área de Vigo rexistráronse oito falecidos: dous homes de 80 e 63 anos e catro mulleres de 84, 88, 90 e 61 anos, esta última procedente da residencia de Crecente. A eles súmase outra muller de 93 anos, que morreu na residencia Paz e Ben de Tui.

En Ourense, Sanidade confirmou tres falecidos. Foron un home de 98 anos que morreu no hospital de Verín, unha muller de 94 anos no fogar residencial de Boborás e un home de 91 anos na residencia Virxe da Clamadoira de Muíños.

Ademais, houbo tres mortos no hospital de Santiago, un home de 64 anos, unha muller de 88 anos e outra muller de 89 anos, procedente da residencia de maiores de Ribeira; dous en Lugo, unha muller de 92 anos no hospital e unha muller de 67 na residencia de Ribadeo; e outros dous no hospital de Ferrol, un home de 78 anos e unha muller de 90.