Catro mil persoas visitaron Tambo este verán de xuño a setembro

Poio
14 de setembro 2023

Agosto foi o mes con maior número de visitas polo momento, 1.475. Ademais, houbo 1.264 visitantes en xuño, 957 en xullo e 255 durante os primeiros dez días de setembro. Algo máis da metade dos visitantes percorreron a Illa dentro das visitas guiadas regulares e o resto fixérono mediante viaxes organizadas

Visitas a Tambo
Visitas a Tambo /

Este verán 2023, o primeiro completo desde a cesión da illa de Tambo ao Concello de Poio por parte do Ministerio de Defensa e con visitas guiadas regulares, sumou 4.000 visitantes neste espazo natural. 

Así o deu a coñecer este xoves o alcalde de Poio, Ángel Moldes, que explicou que esa cifra suma as visitas entre o 1 de xuño e o 10 de setembro.

Agosto foi o mes con maior número de visitas polo momento, 1.475. Ademais, houbo 1.264 visitantes en xuño, 957 en xullo e 255 durante os primeiros dez días de setembro.A chegada destas persoas á illa supuxo un total de 83 desprazamentos, unha media de algo menos de 50 persoas por grupo.

Algo máis da metade dos visitantes percorreron a Illa dentro das visitas guiadas regulares operadas por dúas empresas navieiras desde o porto de Combarro e o resto fixérono mediante viaxes organizadas por colectivos, asociacións veciñais, culturais e outras, principalmente de Poio.

Para Moldes, "poucos datos demostran con máis claridade que temos un proxecto de futuro para Tambo cun eixo principal: a sustentabilidade".

O alcalde confirma o compromiso do novo goberno local para que a illa de Tambo se consolide como "un referente cultural e natural único no mundo, que o será tamén do turismo sustentable". 

As visitas a Tambo seguirán realizándose, polo menos, durante os domingos e festivos dos meses de setembro e outubro, en grupos limitados, acompañados por guía e accedendo polo peirao. 

A duración da visita oscila entre 2,5 e 3 horas e inclúe a realización dunha ruta guiada de uns 2 km polos puntos de especial interese de Tambo. Cada visitante precisa unha autorización de acceso, expedida gratuitamente polo Concello, e billete dunha das navieiras que realizan a viaxe. Tamén é posible solicitar autorización como asociación ou colectivo para organizar visitas conxuntas.

Os interesados poden atopar toda a información, consultar dispoñibilidade, solicitar a pertinente autorización e realizar a reserva na ligazón https://turismopoio.com/que-ver/cultura-y-patrimonio/reservas-isla-de-tambo/