Catro persoas resultaron feridas nun accidente de tráfico múltiple rexistrado a primeira hora da mañá deste luns na avenida de Coirados en Poio.
Tratouse da colisión entre un autobús, un coche e unha moto no quilómetro 1,5 da PO-308 e resultaron feridos a condutora e dous ocupantes do turismo e o motorista. Segundo a información facilitada pola Policía Local de Poio, o motorista foi o máis afectado.
Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, tiveron coñecemento do accidente sobre as 7.45 horas a través dun particular. O condutor do autobús tamén chamou indicando que os 50 pasaxeiros do bus atopábanse todos ben.
Os xestores do 112 Galicia pasaron o aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Pontevedra, ao GES de Sanxenxo, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e á agrupación de voluntarios de Protección Civil de Poio.
O persoal sanitario procedeu ao traslado ao hospital dos catro feridos.
Tamén se solicitou a intervención do servizo de mantemento da vía ao haber restos do accidente espallados pola estrada. E provocou cortes e desvíos de tráfico pola presenza dos vehículos na calzada.
A PO-308 chegou a estar totalmente cortada e logo habilitaron desvíos por Campelo e por Campañó. Foi necesario o uso dun guindastre para a retirada do autobús.