Catro días de mercado de flores en Vilagarcía, un evento que cumpre quince anos

O Salnés
26 de outubro 2024

Como vén sendo habitual, nesta iniciativa participarán as floristas profesionais que habitualmente traballan na praza de abastos e nos mercados semanais que se celebran na vila

Mercado de flores en Vilagarcía
Mercado de flores en Vilagarcía / Concello de Vilagarcía de Arousa

O xa tradicional mercado de flores, que con motivo do Día de Defuntos se organiza ao carón da praza de abastos de Vilagarcía, abrirá as súas portas o vindeiro martes 29 de novembro.

Permanecerá aberto ata o propio día 1 de novembro, cun amplo horario para facilitar as compras. Será de nove da mañá a oito da tarde, de xeito ininterrompido.

O día 1 unicamente funcionará pola mañá, entre as nove e a dúas da tarde.

O mercado, que este ano cumpre as súas primeiras quince edicións, celebrarase a cuberto nunha carpa, a salvo de calquera inconveniente meteorolóxico.

Como vén sendo habitual, na iniciativa participarán as floristas profesionais que habitualmente traballan na praza de abastos e nos mercados semanais.

Ademais, baixo a carpa do paseo de García de Caamaño ofrecerán as súas flores "de colleita propia" un grupo de campesiñas que tamén adoitan vender os días de mercado.

A proposta comercial, que parte das propias profesionais, conta coa colaboración do Concello, a través de Promoción Económica, que se encarga de toda a intendencia arredor do evento, especialmente dos gastos de electricidade, limpeza ou montaxe.