Catro de 85 traballadores do servizo de limpeza de Montecelo dan positivo nas probas de coronavirus

Pontevedra
17 de abril 2020

As catro persoas que deron positivo nas probas realizadas este venres non presentaban síntomas e pasarán a corentena nas súas casas. Segundo Dolores Caramés, a presidenta do comité de empresa da concesionaria deste servizo, estes datos demostran que o persoal de limpeza está mantendo os protocolos ao 100%

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / PontevedraViva

Había inquedanza, a primeiras horas deste venres, entre o persoal de limpeza pertencente á empresa Acciona Facilities Services, concesionaria dos labores de limpeza do Hospital Montecelo. Os resultados dos test realizados durante as últimas 24 horas entre os seus compañeiros do Hospital Provincial ofrecían sete positivos por Covid-19 nun persoal de 50 operarios (un 14%) e o dato preocupaba ante a posibilidade de que, en Montecelo, onde hai pacientes contaxiados ingresados, puidésese rexistrar unha cifra moi elevada.

Este venres, entre as 09.00 e as 14.00 horas, desenvolvíanse as probas entre os 85 operarios, maioritariamente mulleres, que realizan o traballo no centro hospitalario de Montecelo. O resultado foi de catro positivos entre todo este persoal que está a traballar durante este estado de alarma. 

Dolores Caramés, presidenta do comité de empresa de Acciona Facilities Services e delegada de UXT, mostraba a súa satisfacción por estes resultados: "é xenial". E mostrábase moi agradecida á empresa por acceder a que se lles fixesen os test, tras a petición por parte do comité de empresa, así como ao departamento de Medicina Preventiva, que tamén realizou as segundas probas que confirmaron os catro casos.

En todos eles non se detectaron síntomas. Agora estes traballadores realizarán a súa corentena en casa.

Segundo a presidenta do comité, estes resultados demostran que están a cumprir co protocolo ao 100%. Sinala que desde a xerencia do centro hospitalario sempre contaron con material de protección, tanto máscaras como luvas e ademais todo o persoal mantén as máximas medidas de precaución para evitar calquera contaxio.

Dolores Caramés afirmaba que estes resultados danlles moita tranquilidade para seguir desempeñando o traballo de limpeza das diferentes estancias do edificio hospitalario: "sempre estás coa incerteza de se podes estar infectada".