A empresa Nexia comezará os traballos de demolición dos catro chalés situados xunto ao cemiterio da parroquia de Dorrón (Sanxenxo) o vindeiro martes 27 por mandato do Xulgado do Contencioso Administrativo en maio de 2014. En agosto deste ano, a xuíza advertía que a inacción prolongada podería derivar noutro tipo de consecuencias para o goberno local.
Por este motivo, o goberno local a través do alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, e o concelleiro de Urbanismo, xunto a un representante da empresa Nexia e á arquitecta redactora do proxecto asinaron este xoves 22 en Dorrón o acta de replanteo que permitirá comezar os traballos de derriba destas vivendas.
A empresa adxudicataria da obra de demolición contará con vinte días para finalizar os traballos. Nexia Infraestruturas realizará esta derriba por máis de 41.000 euros. O proxecto técnico de demolición, segundo o goberno local de Sanxenxo, foi elaborado por unha arquitecta externa ao Concello.
As licenzas dos catro chalés de Ferro Messego xunto ao cemiterio de Dorrón anuláronse por sentenza xudicial en abril de 2008, ao incumprir os 50 metros de separación obrigada entre a urbanización e o camposanto. O xulgado estimou tamén que o Concello debía indemnizar á promotora o que obrigou a un desembolso próximo ao medio millón de euros, xa que a sentenza establecía que a empresa Ferro Messego non incumprira nin co emprazamento nin coa construción e execución das obras.