A partir deste luns 9 de decembro a Xunta activa catro servizos de autobús ao día entre o centro urbano de Marín e o aparcadoiro disuasorio do Ameal, na parroquia do Campo.
Conéctase así co transporte público a área de estacionamento habilitada en xullo e dotada xa cunha marquesiña para favorecer os enlaces co autobús interurbano.
Os traslados en autobús entre o aparcadoiro disuasorio e Marín realizaranse en dúas liñas, que ofrecen cada unha un servizo de ida e outro de volta de luns a venres laborables.
Os servizos sairán do aparcadoiro cara a Marín ás 9,30 horas e ás 10,00 horas e desde Marín, de regreso, ás 12,00 e ás 13,00 horas.
A nova liña contará con seis paradas: Marín, rúa José del Río, Moreiras, Porteliña, Castro e Marín (O Campo aparcadoiro).
Ademais, a liña que xa se atopaba operativa entre Marín e a localidade de Seixo adaptou o seu itinerario engadindo once paradas: Vista Alegre, Pardavila, Canteira, Pazo Cadro, Silvestre, Troncosa, Allariz, Igrexario, Cernello, Torre, Marín (O Campo aparcadoiro) e CEIP de Seixo.
A iniciativa enmárcase na aposta da Xunta pola mobilidade sostible a través do fomento do uso do coche compartido e do transporte público, facilitando un espazo onde deixar o automóbil de xeito cómodo e seguro para desprazarse despois desde os núcleos rurais da contorna ao centro urbano compartindo coche ou en autobús.
Este aparcadoiro disuasorio ocupa 3.000 metros cadrados de superficie con 81 prazas habilitadas, das que tres están reservadas para persoas con mobilidade reducida e outras tres para vehículos eléctricos. A zona dotouse ademais de alumeado e videovixilancia, e humanizouse cunha franxa central peonil, unha franxa verde central con arborado e áreas axardinadas.