Un libro promovido polas xornalistas Susana Pedreira e Diana López Varela recolle os quince relatorios da primeira edición do encontro 'As mulleres que opinan son perigosas', ademais de análises coas participantes daquel acto en 2018, que serviu para chamar a atención en todo o Estado sobre o escaso protagonismo que tiñan as mulleres nos medios de comunicación.
Susana Pedreira explicaba este martes que esta publicación ofrece desde a perspectiva que outorga o paso de catro anos e dunha pandemia un repaso sobre os cambios experimentados durante este período.
O libro congrega o primeiras quince relatorios da edición inicial en crónicas xornalísticas e inclúense tamén entrevistas con relatoras como a escritora Rosa Montero, a xornalista María Varela, Ana Bernal Triviño, Elisa Beni, Marta García Aller, Fernanda Tabarés, Inma López Silva, Lucía Taboada, Emma Gascó, Anita Botwin, Celia Blanco e Ana Pardo de Vera.
Este traballo "quere ser memoria do pasado e reflexión desde o presente", indicou Susana Pedreira, que estaba acompañada pola tamén promotora do congreso Diana Varela e pola presidenta da Deputación Carmela Silva e polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.
A primeira edición converteuse nun éxito de tal calibre que logrou ser tema de tendencia, encher de público o Teatro Principal e supuxo tamén un importante avance para o feminismo ás portas da celebración histórica do 8M.
A obra repasa tamén as dúas mesas coloquio sobre maternidade e precariedade e Emma Gascó encárgase da ilustración desta publicación que será regalada ás persoas que asistan ao acto de presentación no Pazo Provincial o próximo 29 de marzo, ás 19.00 horas, do mesmo xeito que entre o público que acuda á edición deste ano do congreso.
Diana López explicaba que, ademais, esta edición reflexiona sobre o efecto "non precisamente positivo" da pandemia entre as xornalistas e lembrou que en 2018 se xerou unha rede de relacións laborais e de amizades entre todas as participantes nas xornadas nun ano no que se convocou a primeira folga internacional promovida polo movemento feminista.
Carmela Silva interveu nesta presentación celebrando esta "idea extraordinaria e pioneira" das dúas xornalistas que pasaron a converter á provincia en referente na reclamación do espazo que lles corresponde ás mulleres nos medios de comunicación e, en partciular, na opinión "que marca o pensamento social".
A presidenta provincial lembrou que queda aínda moito traballo por facer, tal e como demostran os datos de desigualdade e destacou a importancia de que estes encontros queden reflectidos no libro para que as próximas xeracións coñezan que houbo mulleres que defenderon o seu espazo.
Por último, Miguel Anxo Fernández Lores mostrou a súa satisfacción pola volta ao formato presencial do congreso e destacou tamén o traballo desenvolvido por Diana López e Susana Pedreira para que Pontevedra "sexa pioneira tamén na defensa do feminismo".
Esta edición conta tamén con códigos QR antes da crónica de cada un dos relatorios que permitirán redirixir ás persoas aos vídeos de YouTube do primeiro congreso 'As mulleres que opinan son perigosas'.