O 18 de agosto de 2010 Sonia Iglesias Eirín debía incorporarse ao seu traballo como encargada na tenda de roupa Massimo Dutti despois das súas vacacións de verán, pero nunca chegou. Dende entón, non se lle volveu ver. As últimas noticias que se teñen dela é que esa mañá almorzou nunha cafetaría do Campo da Torre en compañía da súa entón parella, Julio Araújo, logo ambos os dous acudiron a un zapateiro da rúa José Malvar para deixar a arranxar dous pares de zapatos e víuselle por última vez paseando pola rúa Oliva. Dese día cúmprense este luns catro anos.
A familia Iglesias Eirín convocou para este venres 22 de agosto un novo acto en recordo á desaparecidabaixo o lema 'Todos somos Sonia'. Ás 21.30 horas citan ás persoas que queiran manter vivo o recordo de Sonia Iglesias na praza da Ferrería e ás 22.00 horas comezará un percorrido polo centro da cidade.
Chega este cuarto aniversario sen noticias e co caso ao bordo do arquivo, despois de que o Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra determinase o arquivo provisional da causa. Tanto a Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra coma a familia da pontevedresa recorreron esa decisión e piden que se practiquen novas dilixencias, someter o que ata agora era único imputado, Julio Araújo, a unha proba neurolóxica, o coñecido como 'test da verdade'.
Neste cuarto aniversario a familia de Sonia Iglesias perdeu práticamente a esperanza de que apareza con vida e, de feito, xa decidiron que empezarán os trámites para iniciar a declaración de ausencia da desaparecida. Tamén barallan pedir a custodia do fillo de Sonia, que tiña 9 anos cando se perdeu o rastro da súa nai, de 38 anos.
A familia sostén que Julio Araújo, que ten a custodia do menor, non é a persoa axeitada para criale e educalo. Ademais, asegura que no momento da desaparición a parella tiña malas relacións, estaba en trámites de separación e Sonia Iglesias mesmo tiña data para romper a convivencia e empezara unha relación incipiente. Este extremo non puido ser verificado ao 100% polos investigadores e Julio Araújo négao.
Julio Araújo foi ata agora o único imputado por este caso, pero o arquivo provisional das dilixencias supón, polo tanto, que deixe de estar imputado. Para os efectos da investigación, foi a última persoa en vela antes da súa ausencia, pero a xuíza especializada en Violencia sobre a Muller non encontra probas que confirmen a súa implicación na súa desaparición.