Catorce coleccións desfilarán en Debut o vindeiro 22 de novembro

Pontevedra
12 de novembro 2024
Actualizado: 13:36

Unha das novidades é que o alumnado que participe en Debut manterá as súas coleccións expostas no Pazo da Cultura para que a cidadanía poida velas de perto e facerlles calquera tipo de consulta

Presentación de Debut
Presentación de Debut / Pontevedra Viva

Hai 20 anos que se puxeron en marcha os Estudos en Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga), un título propio da Universidade de Vigo substituído en 2017 polo actual Máster en Dirección Creativa e Deseño en Moda.

Conmemorar os vinte anos de traxectoria dos estudos de moda na UVigo será un dos obxectivos de Debut 2024, o desfile no que, desde a primeira promoción de Esdemga, os novos titulados presentan cada ano as coleccións que desenvolveron como proxectos finais da súa etapa formativa.

O desfile terá lugar o venres 22 de novembro no recinto feiral do Pazo da Cultura con entrada "simbólica" de cinco euros.

Na presentación deste evento participaron este martes a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón; o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez; o decano da Facultade de Deseño, Marcos Dopico, e a coordinadora do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, Lola Dopico.

Debut abrirase cun primeiro bloque no que se presentarán 14 coleccións realizadas como traballos de fin de máster, que optarán aos diferentes premios, e completarase coa parte dedicada aos 25 proxectos realizados polo alumnado no primeiro curso.

Unha das novidades desta edición será que o desfile contará tamén coa colaboración do alumnado do Grao en Deseño, que se encargou da creación dos elementos da propia posta en escena do desfile.

Lola Dopico destacou o "altísimo nivel" do xurado, que integran Enrique de Santiago, xestor de proxectos de Loewe; Fabrizio Bencherucci, docente en Polimoda, Florencia; Natalia Culebras, directora de Deseño Sostible en Dior; Nils Amadeus Lange, docente no Grao en Deseño de Moda da Basel Academy of Art and Design; Pablo Pallardo e Aurea Aburto, deseñadores de accesorios en Bimba y Lola; Charo Froján e Alfredo Olmedo, deseñadores da marca DDUE.

Outro aspecto destacado por Lola Dopico é que responsables dos departamentos de recursos humanos de diferentes marcas do grupo Inditex, das dúas firmas do grupo Lonia, de Bimba & Lola, Parfois e Adolfo Domínguez manterán unha serie de entrevistas cos novos titulados que presentaron as coleccións.

Outra das novidades desta edición é que o sábado 23 (de 16 a 20 horas) e o domingo 24 (de 11 a 14 horas), o alumnado que participou no desfile de Debut terá as súas coleccións expostas no Pazo da Cultura para que a cidadanía que o desexe poida velas de preto e facerlles calquera tipo de consulta.

Novamente, o desfile inclúe un programa de actividades de formación complementaria e de xornadas centradas no mundo da moda.

Hai obradoiros de acción gráfica, con Eduardo Outeiro; de cestería contemporánea aplicada á moda, con Belén Martínez Avelleira; de creación téxtil con feltro e texturas, con Wêdyla Rodrigues; de introdución ao bordado no deseño téxtil, con Marta Lloria.

Tamén obradoiros de debuxo, con Norberto Olmedo Portela; de retoque fotográfico, con Noelia López; de ilustración para moda, con Aurea Aburto; de modelado e impresión 3D, con Xosé Manuel Rodríguez Quintás; de investigación téxtil eficiente, con Fabrizio Becherucci ou de posta en escena da colección de moda, con Heriberto Otero.

Ademais, están previstas dúas conferencias: A primeira delas está relacionada coa programación en Pontevedra dos Premios Feroz e será unha charla sobre deseño de vestiario con Bina Daigeler, que foi nomeada ao Oscar na categoría de mellor deseño de vestiario por Mulan. Será o mércores 20 de novembro, ás 19.30 horas, no salón de actos da Facultade de Belas Artes. A outra conferencia correrá a cargo de Enrique de Santiago Roure, xestor de proxectos en Loewe. Será o xoves 21 de novembro, ás 19.30 horas, no salón de actos da Facultade de Deseño.