Catalina González "obrigada" a suspender o Pleno de Sanxenxo

Sanxenxo
25 de marzo 2013

En Sanxenxo a tensión foi crecendo durante a tarde despois de que a Policía Local pechase as dependencias municipais cunha quincena de manifestantes que desde hai tres meses protagonizan un encerro por quendas no salón de plenos. Na rúa medio centenar de afectados mostraron o seu malestar por non poder acceder ao interior do consistorio. Algúns deles foron identificados pola policía

O pleno do Concello de Sanxenxo foi suspendido esta tarde polas protestas de afectados polas participacións preferentes. Durante a xornada do luns interrompéronse cinco sesións na provincia de Pontevedra (Salvaterra, As Neves, Gondomar, O Grove e Sanxenxo).

En Sanxenxo a tensión foi crecendo durante a tarde despois de que a Policía Local pechase as dependencias municipais cunha quincena de manifestantes que desde hai tres meses protagonizan un encerro por quendas no salón de plenos. Na rúa medio centenar de afectados mostraron o seu malestar por non poder acceder ao interior do consistorio. Algúns deles foron identificados pola policía.

Nun comunicado emitido desde o Concello de Sanxenxo infórmase que a alcaldesa, Catalina González, "viuse obrigada a suspender o pleno ordinario convocado para esta tarde debido á situación xerada polos afectados polas preferentes, a quen o Goberno municipal dispensou un trato exquisito nos case tres meses que levan encerrados no Salón de Plenos".

O equipo de Goberno ratificou a súa intención de seguir traballando na mesma liña, ao entender prioritario que cos aforradores recuperen todo o seu diñeiro e que se manteña a arbitraxe.

"O Goberno local lamenta a situación de tensión vivida e que se podía intuír desde primeira hora da mañá dado o interese mostrado por medios de comunicación a nivel nacional, polo que foi preciso velar pola seguridade do público, Corporación e traballadores municipais respectando o aforo do Salón de Plenos", conclúe este escrito.