Castrolandín puido ser ata tres veces máis extenso do que ata o de agora se pensaba. Esta é a principal conclusión que se desprende dos traballos que a Deputación e o Instituto de Ciencias de Patrimonio (Incipit) levan desenvolvendo ao longo deste ano no xacemento.
A presidenta Carmela Silva, xunto ao director da escavación en Cuntis, Carlos Otero, e o investigador do Incipit e coordinador do proxecto, César Parcero, deron a coñecer os principais achados dos traballos que abren novas liñas de investigación.
As primeiras conclusións sobre a extensión do castro introducen para o equipo de investigación novos interrogantes xa que se ten coñecido que dentro do recinto amurallado principal había espazo libre de construcións mentres que as súas ladeiras, empinadas, de difícil acceso e peor defendidas, estaban habitadas.
Deste xeito, o director da escavación, Carlos Otero adiantou que se abre unha nova liña centrada en pescudar a intensidade e as razóns da ocupación destas ladeiras, que poderían ter que ver co proceso de abandono do castro ou coas diferenzas sociais dentro da comunidade.
As construcións escavadas sitúanse nun segundo recinto habitacional de Castrolandín, nun espazo situado fóra do poboado amurallado do castro, nunha ladeira. Desta escavación, tal e como explicou Otero, extraéronse importantes achados como dúas vivendas das que unha, de seis metros de diámetro cunha lareira monumental no centro considerada a máis grande das documentadas no poboado ata o de agora, foi escavada na súa totalidade.
Tamén se descubriu un uso tardío desta zona e que a metade norte da cabana arrasouse nun evento aínda por esclarecer. Amais acháronse pezas, maioritariamente fragmentos de cerámica moi modesta de uso común, elementos para o traballo de tecido (pesas de tear e unha fusaiola) e o remate dunha fíbula.
Xunto á escavación tamén se desenvolveu un estudo por teledetección do castro e a súa contorna a través de drons, combinando as tecnoloxías LIDAR e a fotografía multiespectral. A revisión preliminar destes datos reforzan tamén a idea de que Castrolandín foi ata tres veces máis extenso.
O coordinador, César Parcero, subliñou que este feito "despois de 20 anos de traballos no xacemento de Castrolandín, demostra que se pode seguir producindo coñecemento interesante, de que poden aparecer sorpresas e novidades como esta, relevante tamén dende o punto de vista da xestión do sitio arqueolóxico. Agora as persoas visitantes poden recibir unha información diferente da que recibían ata o momento".