O castelo de Soutomaior celebra a flor das Rías Baixas cunha chea de actividades

Soutomaior
30 de xaneiro 2025
Actualizado: 31 de xaneiro

O presidente da Deputación, Luis López, xunto cos deputados Nava Castro e Javier Tourís, dá a coñecer un programa para os meses de febreiro e marzo con propostas para todos os públicos

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra
Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

O castelo de Soutomaior desenvolverá ao longo dos meses de febreiro e marzo numerosas actividades sobre a camelia dirixidas a todos os públicos, especialmente o familiar, que inclúen visitas guiadas, obradoiros ou xogos de escapismo.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; a deputada de Turismo, Nava Castro, e o deputado responsable da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, Javier Tourís, presentaron esta programación que supón un investimento de máis de 7.500 euros.

A programación inclúe un xogo de escapismo, gratuíto e para todos os públicos titulado "Street Scape", que consiste nunha aventura ao aire libre na que os participantes deberán resolver probas nos xardíns do castelo.

Comezará o 9 de febreiro e, a partir dese día, o público poderá gozar da experiencia de maneira autónoma e calquera día. Só precisan un móbil para escanear o código QR ubicado na billeteira do castelo antes de comezar o percorrido.

É a única das actividades que non precisa reserva previa.

Para os días 23 de febreiro e 23 de marzo está programado un contacontos infantil, o aforo é de 30 persoas e o prezo da entrada, de 8 euros.

Están previstos tamén a organización de tres obradoiros, dous infantís e un para adultos, cunha entrada de 8 euros cada un. 

Os días 22 de febreiro e 22 de marzo terá lugar o de arte con papel para a cativada, o 2 de marzo, outro de pintura ao aire libre para menores; e os 16 de febreiro e 16 de marzo, un taller de Ecoprint, estampaxe botánica, pensado para un público adulto.

O ciclo de actividades redondéase cun programa de visitas guiadas para o público xeral (3 euros) e para escolares (gratuítas), cunha duración de noventa minutos que terán lugar de martes a venres en horario de mañá entre febreiro e marzo.

Así mesmo, haberá tres percorridos especiais centrados na "Camelia e literatura", os días 1 e 2 de febreiro, do 25 de febreiro ao 2 de marzo e do 25 ao 30 de marzo; "Camelia e moda", do 4 ao 9 de febreiro e do 4 ao 9 de marzo; e "Camelia e saúde", do 11 ao 16 de febreiro e do 11 ao 16 de marzo.

A maiores, os vindeiros 22 e 23 de febreiro terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra a sesenta edición do Concurso e Exposición da Camelia.

É un certame no que a Deputación repartirá un total de 5.000 euros en 22 premios e aberto para toda a cidadanía, que pode inscribirse ata o 14 de febreiro.