Alfonso Rodríguez Castelao sentado nunha pedra, escribindo e gozando da vista da ría de Pontevedra desde o piñeiral de Matalobos. É a peza central do mural debuxado no CEIP San Martiño, no marco do proxecto 'O teu cole na historia'.
No mural que, como as quince intervencións artísticas deste programa, foi realizado por Kike Mauricio e Carlos Taboada, o equipo creativo de Polo Correo do Vento, tamén hai espazo para a Fonte de Pamouro, coa aparición dunha moura mitolóxica.
Ademais, esta pintura complétase co monolito aos Heroes do Campo da Porta, a igrexa de San Martiño onde deixou o corazón Arcebispo Malvar, unha andoriña e os Muíños do Batán.
O programa 'O teu cole na historia' desenvolveuse nos CEIP de Cabanas (Salcedo), Ponte Sampaio, Parada-Campañó, Froebel, Manuel Vidal Portela, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Santo André de Xeve, San Benito de Lérez e San Martiño (Salcedo), os CEP Campolongo e Marcos da Portela e as escolas infantís de Verducido e Fina Casalderrey.
"Agardamos que outros centros educativos se sumen á iniciativa despois de ver o ben que quedaron todos estes murais", asegurou o concelleiro de Educación, Tino Fernández.
Tras completar os murais, o proxecto aínda ten por diante unha segunda fase que consistirá nunha campaña de divulgación mediante folletos e visitas didácticas para que os alumnos poidan coñecer a historia, personaxes e elementos patrimoniais e naturais dos outros centros.