Hai hoxe xusto 75 anos, o 7 de xaneiro de 1950, Castelao morría en Buenos Aires. Con el marchaba o que, para moitos, é o pai do nacionalismo galego. E a que se reivindica como a súa 'familia política' non está disposta a que esta conmemoración quede en "papel mollado".
Así que, para celebrar a súa figura "sen deturpacións nin manipulacións", o BNG iniciou este martes a celebración do seu particular Ano Castelao, unha programación que, baixo a lema de 'Castelao Nacionalista Galego', incluirá numerosos actos por todo o país.
A primeira parada foi Pontevedra, cidade desde a que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou que o seu partido presentará ante o Parlamento galego unha iniciativa para que sexa recoñecido "de xeito oficial e legal" como primeiro presidente de Galicia.
Lembrou que Castelao foi quen, desde o seu exilio en Arxentina, deseñou e presidiu o Consello de Galiza hai oitenta anos, "un goberno para o país con el á fronte" en plena ditadura, un fito histórico que segundo Pontón "merece ser recoñecido coa relevancia que ten".
"Trátase de rescatar a nosa memoria democrática, facer xustiza e recoñecer que o primeiro presidente deste país, por dereito propio, foi Alfonso Daniel Rodríguez Castelao desde o exilio", sostivo a líder do BNG nunha declaración institucional.
Oito décadas despois, reivindicou Pontón, este Consello de Galiza segue sendo unha aposta "ambiciosa e admirable" e a figura do seu impulsor debe ser recoñecida "coa súa verdadeira dimensión" para poder saldar o que supón unha "débeda histórica".
A portavoz nacionalista, apelando ás palabras da súa compañeira de vida, Virxinia Pereira, apuntou que "todo o que facía" Castelao, desde a súa obra artística até as súas investigacións, foi un labor "esencialmente político" dirixida a defender "os nosos dereitos como pobo".
A súa, insistiu Ana Pontón, unha figura "honesta, leal e cunha dimensión histórica única" que sempre se caracterizou polo seu "amor a Galicia", por estar sempre "á beira de quen máis o precisaba" e por unha traxectoria vital de "defensa férrea" da lingua e da cultura galega.
A este respecto, apelou a "abrazar con orgullo" o legado e o ideario de Castelao e reivindicar o dereito de Galicia "a existir e a decidir o o seu futuro" porque como el dicía, lembrou, "a liberdade é a única reserva coa que contan os pobos para crear o seu futuro".
Pontón sostivo que Galicia "necesita máis Castelao que nunca" para facer fronte, entre outros problemas, ao futuro do galego tras quince anos de políticas "lingüicidas" por parte da Xunta ou para loitar contra proxectos "neocolonialistas" como Altri e os parques eólicos.
A iso, a líder nacionalista ha sumado a necesidade de defender a Galicia fronte a un centralismo "voraz e letal", de impulsar políticas igualitarias "sen exclusións" ou de garantir que se cumpra o dereito de todos os cidadáns a unha vivenda e a un traballo digno.
"Todo isto está na persoa que máis loitou por situar a Galicia no lugar que merecía, sen complexos e sen pedir permiso, con esa fe non noso pobo que herdamos con orgullo e honestidade", sostivo a portavoz nacional do BNG.
O seu, dixo, é un partido que se declara "herdeiro" do ideario de Castelao, un proxecto político que "segue vivo" cando se defende, subliñou, o status de nación para Galicia ou un novo sistema de financiamento que "poña fin a unha discriminación histórica".
Setenta e cinco anos despois da súa morte, o BNG "está hoxe onde está" grazas a Castelao, asegurou Ana Pontón, que ve aos nacionalistas "en disposición" de liderar o futuro de Galicia con ideas baseadas na xustiza, a liberdade e a defensa dos seus dereitos nacionais.
Castelao, sentenciou Pontón, segue sendo "fonte de inspiración imprescindible e trabe fundamental" para un BNG que quere manter o legado dos homes e mulleres que, xunto a el, "loitaron por unha Galicia orgullosa e libre".