Castelao e Daniel de la Sota terán plataforma única para reforzar a súa prioridade peonil

Pontevedra
09 de marzo 2023

O eixo que forman as rúas Castelao e Daniel de la Sota, en pleno centro da cidade, é unha das poucas zonas deste ámbito urbano que seguen sen plataforma única. Pero esa circunstancia cambiará, se se cumpren as previsións municipais, este mesmo ano. Así o avanzou este xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores

Rúa Daniel de la Sota
Rúa Daniel de la Sota / Mónica Patxot

O eixo que forman as rúas Castelao e Daniel de la Sota, en pleno centro da cidade, é unha das poucas zonas deste ámbito urbano que seguen sen plataforma única. Pero esa circunstancia cambiará, se se cumpren as previsións municipais, este mesmo ano.

Así o avanzou este xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que detallou o plan de contratación previsto polo Concello para 2023, que recolle investimentos en todo o municipio por valor de 53,8 millóns de euros.

"É das poucas zonas do centro que quedaban sen tratar", sinalou Fernández Lores, que avanzou que este proxecto de reforma urbana xa está redactado. Está considerado como unha das prioridades de actuación do goberno municipal.

O orzamento inicial para esta obra, a falta de axustalo cos prezos actuais de mercado, superaría o millón de euros.

O Concello prevé, seguindo o deseño adoptado noutras rúas do centro como Michelena ou Riestra, elevar a calzada de ambas as rúas ao nivel das beirarrúas.

Ademais, renovarase o aspecto estético de todo este eixo urbano que, segundo asegurou o alcalde, non manterá unha continuidade visual coa rúa que lles precede, Cruz Gallástegui.

Dentro do plan municipal para 2023 inclúense ademais outras reformas urbanas en diferentes zonas da cidade, entre elas, a Rúa da Santiña, Eduardo Pondal, a Avenida de Lugo, Pastor Díaz e a súa contorna máis próxima, Almirante Matos ou a Rúa Pasantería.