Se a vitoria do PP nas pasadas eleccións autonómicas foi inapelable nas urnas galegas, aínda máis o foi no voto exterior. O reconto que se efectuou este luns na Audiencia de Pontevedra revelou que case un de cada dous votos dos pontevedreses que residen fóra de España foi para o candidato popular, Alberto Núñez Feijóo.
Iso si, pola dificultade que teñen os emigrantes para votar -debido ao coñecido como votado rogado-, os datos de participación foron irrisorios. Tan só chegaron a Pontevedra 3.524 votos procedentes do exterior. É o 3% dos pontevedreses que residen na diáspora, 128.777 persoas.
Deles, 1.725 electores (48.95%) optaron polo PP nestas eleccións autonómicas do 25-S.
En Marea, igual que no voto presencial en Galicia, foi a segunda forza na provincia de Pontevedra ao sumar 638 votos fronte aos 530 do PSdeG-PSOE.
O voto exterior tamén dá a cuarta praza ao BNG con 171 apoios na emigración, mentres que Ciudadanos con 134 e o partido animalista PACMA con 118 tamén superan o centenar de apoios.
Ademais, 24 votos foron declarados nulos e nove en branco.
Segundo consta nos censos remitidos polos diferentes consulados españois, Suíza con 367 votos foi o país europeo de onde máis sufraxios chegaron de pontevedreses emigrados. En Alemaña votaron 232 persoas. Francia, Reino Unido e Portugal roldaron tamén os dous centenares de pontevedreses que votaron o 25-S.
Pero, sen dúbida, foi en Latinoamérica onde máis emigrantes decidiron votar. De Arxentina chegaron case 1.200 sufraxios -1.078 só de Bos Aires-, mentres que Uruguai, Brasil e Venezuela son os seguintes países cun maior número de votos enviados, aínda que en todo caso por baixo dos trescentos por país.