Case cincuenta asociacións solicitaron espazo no edificio da Xunta en Benito Corbal

Pontevedra
15 de abril 2019

Os técnicos da Xunta revisarán toda a documentación e procederán á adxudicación dos espazos, que será comunicada ás entidades interesadas o antes posible. As obras, pola súa banda, teñen previsto rematar este mesmo mes de abril. A partir de aí, a Xunta solicitará ao Concello de Pontevedra a licenza de primeira ocupación do edificio

Obras no edificio da Xunta de Galicia en Benito Corbal
Obras no edificio da Xunta de Galicia en Benito Corbal / PontevedraViva

A demanda de espazos nos andares que a Xunta de Galicia cederá a asociacións da cidade no seu edificio de Benito Corbal case dobrou á oferta. Un total de 46 entidades pediron contar cunha oficina neste inmoble, que terá capacidade para acoller a tan só 26 delas.

A Xunta de Galicia asegura que, unha vez rematado este proceso, os técnicos revisarán toda a documentación e procederán á adxudicación dos espazos, que será comunicada ás entidades interesadas o antes posible.

As obras, pola súa banda, teñen previsto rematar este mesmo mes de abril. A partir de aí, a Xunta solicitará ao Concello de Pontevedra a licenza de primeira ocupación do edificio.

Tal e como estaba previsto, os 6.000 metros cadrados do edificio albergarán na planta baixa, primeira e segunda as oficinas públicas de emprego, que ata agora estaban alugadas noutros dous locais da rúa Eduardo Pondal.

Nas plantas terceira e cuarta estarán os despachos das asociacións, mentres que as catro plantas restantes estarán a disposición da Universidade de Vigo.

A reforma, que supuxo un investimento de case 5 millóns de euros, está a permitir unha remodelación integral do inmoble, que inclúe a substitución da fachada por un revestimento de aluminio de cor azul eléctrico. Tamén se cambiou a carpintería metálica por outra con dobre acristalamento.

A remodelación permite distintas actuacións no eido da eficiencia enerxética, co obxectivo de reducir nun 70% o custo de mantemento en calefacción e iluminación do edificio.