Case cen mil euros para acondicionar o parque de Baltar e a contorna do miradoiro de Cabicastro

Sanxenxo
22 de abril 2024

Ambas as dúas actuacións inclúense dentro do proxecto "Posta en valor da Orixe de todos os Camiños Xacobeos: Camiño do Mar de Arousa e Río Ulla"

Parque de Baltar
Parque de Baltar / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo acondicionará o parque de Baltar e a contorna do miradoiro de Cabicastro por valor de 96.455 euros. Ambas as dúas actuacións inclúense dentro do proxecto Posta en valor da "Orixe de todos os Camiños Xacobeos: Camiño do Mar de Arousa e Río Ulla".

O financiamento realizarase a cargo do Ministerio de Industria e Turismo, dentro do Plan Nacional de Sustentabilidade Turística en Destinos Xacobeos 2021, no marco do "Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia", financiado pola Unión Europea - Next Generation EU, a través da Mancomunidade do Salnés.

No parque de Baltar exponse unha ordenación que contribúa á integración da zona verde no espazo urbano no que se insere, entre cuxas características destacar ser lugar de paso do roteiro do Padre Sarmiento. Para iso, e tendo en conta a contorna no que se localiza, considérase que debe ser un espazo púbico versátil que complemente aos espazos adxacentes (zona de sombra do parque de Skate, zona de xogos con chan flexible, zona de estancia e descanso vinculada ao paseo do litoral polo que se atopa trazada o roteiro do Padre Sarmiento). Ademais, dotarase o espazo da iluminación adecuada e realizarase un profundo labor de xardinería coa creación dun xardín con céspede e flores e plantaranse novas especies arbóreas. Tamén se colocarán bancos.

O miradoiro de Cabicastro presenta na actualidade un elevado estado de degradación debido á presenza de vexetación invasora. Así se propón, definir un bordo do espazo natural que achegue seguridade e equipamento para o descanso dos visitantes para o que se expón un muro construído con cachotería cuxa altura non supere en 50 centímetros, á rasante do terreo. Tamén se repoñerá o panel descritivo do litoral.