Case 2.000 profesionais da farmacia na provincia celebran o seu día reivindicando o labor que realizan

Pontevedra
25 de setembro 2024

O sector caracterízase por unha notable presenza feminina, xa que o 72,4% dos profesionais colexiados na provincia son mulleres. O lema para este Día Mundial de Farmacéutico é "Farmacéuticos: respondendo ás necesidades sanitarias globais; facilitando solucións locais"

Persoal da Farmacia García-Bodaño López
Persoal da Farmacia García-Bodaño López / Mónica Patxot

Este mércores 25 de setembro, os 1.936 farmacéuticos colexiados da provincia de Pontevedra conmemoran o Día Mundial do Farmacéutico.

A celebración, organizada pola Federación Farmacéutica Internacional (FIP), desenvólvese este ano baixo o lema "Farmacéuticos: respondendo ás necesidades sanitarias globais; facilitando solucións locais".

Beatriz García Iglesias, presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, destaca o labor fundamental que realizan estes profesionais para atender as necesidades sanitarias da cidadanía no día a día.

Esta celebración busca poñer en valor o papel dos farmacéuticos no fortalecemento do sistema sanitario e a súa contribución á mellora da saúde e o benestar en todas as comunidades, tanto a nivel global como local.

MAIORÍA FEMININA

Na provincia, case 9 de cada 10 farmacéuticos traballan en farmacia comunitaria, distribuídos nas 437 farmacias existentes.

O sector caracterízase por unha notable presenza feminina, xa que o 72,4% dos profesionais colexiados son mulleres.

Ademais da farmacia comunitaria, estes profesionais desempeñan o seu labor en diversos ámbitos como análises clínicas, farmacia hospitalaria, industria farmacéutica, distribución, atención primaria, saúde pública, docencia, alimentación, óptica e ortopedia, entre outros.

Nos últimos meses desenvolveron campañas informativas para evitar o incremento das infeccións de transmisión sexual na mocidade ou contra a presenza do mosquito tigre.

Como parte das actividades conmemorativas, o Colexio de Farmacéuticos solicitou aos Concellos da provincia e á Deputación de Pontevedra que se unan á iniciativa doutras provincias españolas, iluminando de verde algún dos seus edificios representativos na noite deste 25 de setembro.