A Xunta de Goberno do Concello de Bueu aprobou este luns destinar un orzamento total de 1.900 euros para os tres concursos que organizou de cara ao inminente Entroido.
Así, haberá un concurso de carteis, no que poderán participar as persoas maiores de 16 anos, das que se seleccionarán tres finalistas, e se outorgará un único premio dotado con 300 euros, e nos que se valorará a calidade técnica, a calidade artística, o impacto visual, a creatividade e a orixinalidade. A data límite de entrega de orixinais será o 2 de febreiro.
O mércores 10 de febreiro ás 17 horas terá lugar o desfile infantil e xuvenil Enterriño da Sardiña, no que poderán participar todos aqueles grupos de comparsas de Bueu que realicen o percorrido oficial do desfile e se inscriban previamente no Concello de Bueu mediante a folla de inscrición ata o 10 de febreiro. Este concurso terá un primeiro premio, que consta de 200 euros, e un segundo, de 100 euros.
E xa o 14 de febreiro ás 17 horas celebrarase o Enterro do paxaro de mal agoiro polas rúas do casco urbano, no que poderán participar aquelas persoas ou grupos que realicen este desfile, e que se inscriban antes do 13 de febreiro ás 13 horas no rexistro do Concello.
Este concurso conta con importantes novidades, xa que se abre a fóra da localidade e se diversifican os premios. Así, para comparsas haberá un primeiro premio de 300 euros, e un segundo, de 200 euros; para as parellas, un premio único de 150 euros, para os grupos, un primeiro premio de 300 euros, e un segundo, de 200 euros, e para as individuais, un premio único de 150 euros.
Este ano, os premios serán anunciados o mesmo día de ambos desfiles, tal e como informan desde o Departamento de Cultura.