O Concello de Soutomaior xa está preparado para celebrar o seu Entruido máis inclusivo.
Para esta ocasión, e co fin de mellorar a calidade das persoas con diversidade funcional e das súas familias, haberá cascos antirruído especiais para que todo o mundo poida disfrutar das actividades preparadas para estes días. Os cascos pódense conectar por bluetooth a un móbil ou tablet para poder ter acceso a calquera aplicación e contar coa comunicación por pictogramas.
A recollida pode facerse no Centro de Maiores de Talo Río, en Arcade, amosando a pulseira de 'Soutomaior Inclusivo' e, unha vez recollidos, a estrea poderá facerse este mesmo sábado 3 de febreiro no desfile de comparsas.
Esta iniciativa foi presentada este venres polo alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, a concelleira de Benestar Social, Rosana Martínez Boullosa e a nai dun neno con diversidade funcional do concello, Bea Couñago.
Lembraron que para contar con esta pulseira, o único que teñen que facer as familias é presentar a tarxeta de discapacidade da Xunta de Galicia no concello ou no Centro de Benestar Integrado (Multiusos). Ensinando esa pulseira nas actividades do Concello terán acceso preferente sen ter que facer colas nin agardar.
PRIMEIRA FIN DE SEMANA DE ENTRUIDO
O Entruido de Soutomaior dará o pistoletazo de saída este sábado a partir das 17:30 horas cun desfile que partirá da Rúa Calvario ata chegar a Talo Río. Serán 20 comparsas, entre elas a de Andaina (asociación de nais e pais de nenas e nenos con diversidade funcional), as que formarán parte desta cita ineludible no calendario.
A festa continuará a partir das 19:30 horas coa lectura do pregón, a entrega de premios e verbena con Discomóbil Dolcevita na Alameda de Talo Río.
Xa o domingo, a sesión vermú das 12:30 chegará a Talo Río a cargo de Canta nas Croas. Tamén estará a Polbeira Ruzo do Carballiño e haberá un inchable infantil de balde para todas as crianzas.
En definitiva, será unha fin de semana que encherá de actividade, música, e alegría o concello, e que será o preludio da celebración do Entruido máis tradicional de Soutomaior.